con texto

Axeitame a trasgresión

Sara Mesa
photo_camera Sara Mesa.

"Cara de pan”, de Sara Mesa é a historia dun vello e unha cativa, que se atopan decotío nun parque ao que a rapazola acode fuxindo do instituto no que se supón a súa asistencia diaria. Unha historia que non é en absoluto previsible

Ningunha novela máis trangresora hoxe que Lolita. Érao xa nun principio, e  non  hai máis que ler/ ver La librería, de Penleope Fitzgerald, versión filmica de Isabel Coixet, para entendelo. Mais nese terreo os tempos non é que teñan mudado senón mutado, outra cousa, e abondaría con aquel artigo de Laura Freixas pouco menos que pedindo a censura integral para a novela de Vladimir Nabokov. Pois ben, nesa liña, e a referencia a Nabokov é obrigada, rula/ rola a última, e moi boa novela, de Sara Mesa. Se cadra a escritora española co cairo máis afiado no momento actual. E é que Mesa non se contenta con dar unha volta de tornelo ás súas narracions, senón que lles revira o pescozo (como pedía Celso Emilio Ferreiro que se fixera coa poesía lírica).

Desta maneira a historia dun vello e unha cativa, que se atopan decotio nun parque (logo a acción pasará a unha cafetería, onde o que máis amola á camareira é que consuman moi pouquiño) ao que a rapazola acode fuxindo do instituto no que se supón a súa asistencia diaria, non é en absoluto previsible. Nin hai pederastia (por máis que a sombra desta paire riba do relato) pero tampouco se deixa ver outra cousa que a peculiar relación entre un señor, namorado dos paxaros e de Nina Simone, e unha preadolescente (a pubertade viralle de súpeto, xustamente no parque) que, pouco a pouco, ira entrando nunha gaiola sentimental que arrrepía moito máis a “Viejo” (non ten outro nome) que a “Casi” (tampouco). Que polo medio han aparecer sicólogos, siquiatras e –non podía ser doutra maneira- policías, é de manual. Derás, nas bambalinas, historias de incestos e frenopáticos. Peneirado todo isto por unha autora que se manexa coa mesma sutileza elegante (pleonasmo nidio) que motivaba a Vadimir Nabokov. Por suposto que a novela de Sara Mesa ten un aquel de desasosego, e que non ha ser lectura obrigada nos institutos.

Por máis que si o sexa El camino, gran novela de Delibes que en 1950 bulrara unha censura rexa (e parva) que non entendera aquela historia de suicidios e fetichismos. Cara de pan, supónse, non ha ter máis problemas que o de certo neopuritanismo, ese que confunde a literatura coas boa intencions (literarias). Que é do que se desprende neste libro. A mancheas.

Te puede interesar