Rabo de nube

Bailando a Yenka

fiesta-psuc_ediima20190530_0450_5_result
Con máis de mil imaxes e documentos, este libro esboza un retrato colectivo dos anos que van do mítico 68 ó emblemático 82, a larga década en que España pasou a sua particular e marabillosa idade do pavo.

Certo, este baile (de orixe finlandesa mais popularizado aquí por un dúo holandés, Johnny e Charley) non pertence en puridade aos tempos que este libro, como de texto, anuncia na capa. Acontece, non obstante, que a “delicatessen” (textos e documentación) de Xavier Gassió non soamente aborda os setenta/ oitenta, senón que se remite ás fontes  que anunciaban que a dictadura fósil (¿cal non o é?) non podía aturar os aires novos que refrescaban un país no que os cardados na cabeza das mulleres e os brandis “cosa de hombres” nas mans das súas parellas non eran máis que un síntoma. (De ambas cousas, e de moitas máis, hai mostras neste libro, riquísimo no choio iconográfico). Que me lembra o mítico “Celtiberia Show”, de Luis Carandell, soamente que indicando o tránsito absoluto que veu logo da morte do dictador. Que é cando os antecedentes dan paso aos consecuentes.

Un manual obrigado para quen desexe ilustrarse, senso lato, sobre do que fora todo aquilo

A esa España do “cambio”, nas costumes, nas roupas, nas revistas (de prensa, as musicais desapareceron pois o insinuado xa non tiña sentido co destape ou o espido integral) –tamén- nas drogas. E non está de máis ver a publicidade desaforada de alcohol e tabaco (ás veces nas mesmas páxinas ou programas que condenaban, ou convidaban a minguar, o seu emprego) que asolagaba os “media” (tan ben estudados por Vázquez Montalbán) dos sesenta-setenta. Hoxe a cousa sorprende e mesmo parece de chiste, se non fose porque anuncios como os dos viños quinados, prodigados aos cativiños, resultan nesta altura patéticos.

Repasa Gassió igualmente o cinema, o de “Arte y Ensayo”, o que veu logo da marcha da censura, o éxito imparable (ata que internet e demais mudaron os costumes, tamén os dos “voyeurs”, na parte de Ferrol dicimos “espiatrucos”) da revista “Interviú” (“1. 000. 000 de ejemplares y subiendo” di unha das súas capas) e un amplo etcétera. Que fan deste libro un manual obrigado para quen desexe ilustrarse, senso lato, sobre do que fora todo aquilo. Un delirio, logo de tanta grisura (ambiental e espiritual). E remato aquí, que vou probar se aínda dou bailado “La yenka”: “Izquierda, izquierda, derecha, derecha, adelante, atrás, un, dos, tres”. Tan política, insólitamente política, en 1965. Cando “La yenka” fora a canción do verán.

Te puede interesar