Basilio é un primo

David Trueba
David Trueba convídanos a sumarnos a unha caravana electoral. “Queridos niños” é unha novela vibrante que retrata o mundo da política e a súa trastienda cun gran ollo para a sátira e a observación sin prexuizos. 

Titulo así, dándolle a volta a un título mítico de Eça de Queiroz, porque a última novela de David Trueba, “Queridos niños”, ten como protagonista a un suxeito chamado Basilio, que fai pouco menos de axitador electoral, dun partido que non se di mais que semella conservador de aquela maneira. Con el dá unha volta a España (provincias galegas incluidas, sen que destas haxa apenas detalles, agás a filmación dunha serie, “Meu pobo”) en vísperas electorais.

O tipo, aínda sendo un caralavada, de moito peso, tamén físico, chámanlle “El Hipopótamo”, é en realidade un pouco “primo”. Porque, en realidade, ten máis de pimpín que de cínico, mesmo cando se enlea en materia sexual, o seu é un papel secundario (vid. o episodio canario, con dúas donas, el moi ben esposado), como tantos que entran na vida política e saen dela a fume de carozo. Ben por non dar o tipo, se cadra porque este é un mundo de lobos (a Thatcher levada a un predio da periferia londinense, logo da súa caída), onde un político que vive en Valdemoro, na novela de Trueba, acaba no cárcere que el mesmo inaugura. Político identificable, si. Ese momento dá o ton dun libro por momentos pavero, ás veces mesmo desopilante, ao xeito de Woodehouse ou Sharpe (esta, tan esquecido, ¡e ollo que se lera tantísimo nos oitenta do século anterior!) mais hai moitos paragrafos como de recheo, e é que resulta pouco doado manter un libro de 452 páxinas a base das falcatruadas dunha caravana electoral.

Por máis que a intención sexa, definitivamente, vitriolo, como o que as amantes despeitadas botaban na faciana das que viñeran substituilas no corazón dos seus amados. Isto no Século XIX, mais semella que “nihil novum sub sole” e que os “queridos niños”, ou sexa nós, os votantes de a pé, ás veces semellamos criaturas a lamber os pirulís, de La Habana ou non, que nos ofrece este persoal político, cun Basilio “El Hipopótamo” á fronte, dirixindo o carromato das chilindradas. Trueba é bo director de cine, articulista prestixioso e narrador eficaz. Mais desta volta foiselle a man. “¡A metade, metade!”, como lle dixera Margarita Calahorra a un alporizado Agustín González cando este quixo saber que compría facer en Valladolid para acadar o gran aplauso. Pois.

TÍTULO: QUERIDOS NIÑOS | AUTOR: DAVID TRUEBA | EDITORIAL: ANAGRAMA | PREZO: 18,90 EUROS

queirods

Te puede interesar