Rabo de nube

"Blonde on blonde" do trinque

bob-dylan-blonde-on-blonde-disco-doble-770x513_result
photo_camera Bob Dylan.

O grupo country que ven de Nashville rende homenaxe ao mellor álbum de Dylan e auténtico fito na discografía do rock

Blonde on Blonde non soamente, para mìn, o mellor álbum (dobre, ademais) de Bob Dylan, senón un fito do rock, aparecera o 16 de maio de 1966. Cincuenta e dous anos, xa, daquela primeira saída, que movera con enerxía, ben electrificada, os fundamentos da música moderna. Da musica con letra potente. Letra que pode ser poesía, dependendo do cristal coa que se mire.

O meu é de aumento, cáseque unha lupa, pois, e a dilucídalo adiquei toda unha tese doutoral e o libro producto dela. Ao redor do cincuenta aniversario, hai dous anos, como digo, de disco tan sinalado, foron aparecendo flores e froitos, estes a xeito de estudos en libros e revistas especializadas, monográficas algunha sobre a figura do de Duluth, Minnesota e a súa proxección na música moderna, nomeadamente con Blonde on Blonde.

E é que sobre Bob Dylan non é que todo estea escrito, dispoño de non menos de cen libros ao respecto, senón que o “show” prosegue, Como ten que ser. Mais como estamos a falar de música, o primordial, “De la musique avant toute chose” (“A música, primeiro”, dixera Verlaine) é sinalar os piperetes que o fasto leva producido.

Eu quero recomendar aquí,  vivamente, o cedé de Old Crow Medicine Show, 50 Years of Blonde on Blonde, porque versionean o álbum con rigor, gusto e creatividade. Facendo cada tema tan recoñcible que mesmo terá espantado (no senso luso, de abraio) ao seu inspirador.

Porque este grupo “country”, mellor, unha “string band”, que vén de Nashville/ Tennessee, alumea de tal xeito os temas que compoñen o disco mitico dylaniano ata facelo como novo do trinque.

Mais co meirande respecto ás súas orixes, non outras que as de combinar os aires do “rock”, lonxe xa o “folk” aquel dos comezos (ao que Dylan acabará volvendo nalgunha das súas múltiples resurreccións), co “blue” alebrestado e –mesmo- co “dixie”, desa memorable canción que se chama “Rainy Day Women 12&35”.

Que na versión de Old Crow Medicine Show  non resulta tan “dixie” e iso aínda que habendo metal a percusión e a banda brillan por riba da estrucutura niquelada, digamos, que lle orzara o Dylan na versión orixinal. Escribo este artigo a 24 de maio, o 77 cumpreanos de Bob Dylan, tan vello, tan novo, tan do trinque aínda cal este disco. 

Te puede interesar