Música

Calle del Ruido e Xutos & Pontapés xuntáronse para traer á actualidade "Non son o único"

Calle del ruido.
photo_camera Calle del ruido.
A unión fai a forza: os grupos Calle del Ruido e Xutos & Pontapés aliáronse para amosar un alegato musical polo optimismo e a paz

Os pontevedreses Calle del Ruido acaban de lanzar un novo sinxelo coa colaboración dos portugueses Xutos & Pontapés, “Non son o único”, “unha homenaxe ao rock do país veciño feita á nosa maneira e en lingua galega, máis collidos da man dos seus principais protagonistas.

Un roubo consentido e con sentido”, segundo Tomás “Tomi” Parrado, voz e guitarra do combo que completan Enrique Tilve “Kike” en guitarras, teclados e sintetizadores, José Miguel Rey “Sete” en baixo e Giovanni Franco “Gian” en batería.

-“E cando as nubes se vaian / o ceo azul ficará / e cando tebras se abran / verás o sol brillar, verás o sol brillar”, di a letra de “Non son ou único”. Europa vive unha das peores crises económicas de toda a súa historia e a pandemia non só deixou unha crise económica senón tamén unha crise moral sen parangón; ao que hai que sumar o masacre de Rusia sobre Ucraína. 

Que os motivou a traer ao presente unha canción que encaixa co nefasto contexto á vez que ofrece un indicio de optimismo?

A letra foi feita nos anos 80 polos Xutos & Pontapés no medio dunha crise económica e reconversión industrial fortísima en Portugal. Ten unha mensaxe optimista e de superación moi clara, pois cando tocas fondo na vida e pensas que non fas pé, sempre saen as forzas para erguerse e saír adiante. Con máis de 30 anos está mais de actualidade que nunca, pois sempre somos os mesmos a recibir os paus. Nós adaptamos ao galego a letra e desfixemos a música á nosa maneira, con guitarras potentes e sintetizadores. Eliximos facer esta canción porque é un himno moi popular no país veciño, porque é das que máis se asemella as nosas letras de crítica social. De feito foi unha das cousas que lles pedimos a Xutos foi deixarnos liberdade para levar a canción ao noso térreo e facela nosa e creo que o conseguimos. Este tipo de letras son atemporais, das que se cravan na cabeza todo o día porque din moito con pouco. O mundo está tolo: guerras, lobbys políticos, financieiros, enerxéticos, transnacionais e os que nos adicamos a facer cancións non nos podemos poñer de costas a realidade, ao contrário, temos o deber de sinalar aos que nos poñen as pedras no camiño.

Como xurdiu a colaboración? 

Pois dunha toleirada nun ensaio. Alguén falou de facer unha cover dos Xutos, cos que xa compartimos palco en Portugal. Como nos gostou moito o resultado falamos por si tiñan inconvinte en que fose gravada e a nosa sorpresa foi que quixeron cantala con nós e saír no video. Un gran privilexio que unha banda que enche estadios nos dera todas a facilidades do mundo. 

Te puede interesar