Celestina Gómez

Teño visto unas cantas “Celestinas”, sempre interpretadas por mulleres: Milagros Leal, Amparo Ribelles (conservo dela unha foto cariñosamente adicada por mor da crítica que lle fixera a propósito de Paseando a Miss Daisy), Gemma Cuervo ou Terele Pávez (esta en cine, nunha película patética malia o bo reparto).

Faltábame por ver unha Celestina virilizada, sendo así que sempre pensei que a vella puta, así, tal como a define o seu autor, Fernando de Rojas, ten moito máis de macho que de femia. Por iso non me escandalizou en absoluto (ao contrario que a Javier Marías, quen deosta en polémico artigo o travestismo dos actores, ou das actrices, Blanca Portillo a facer de Segismundo, por exemplo). Sendo así que o teatro admite todas as posibilidades, tamén na alteración dos xéneros.

Se cadra non resulta de máis lembrar os tempos en que as mulleres tiñan vetado subir aos escenarios (e non tan lonxe de nós cando Dona Concepciòn Arenal debía vestir de home para poder asistir ás clases da universidade, mais esta é outra historia). A que me ocupa hoxe fala dunha Celestina sobranceira interpretada en La Abadía (ese teatro de Chamberí que, non desmentindo o nome actual, en tempos fora igrexa) por José Luis Gómez. Quen así reaviva aqueles lumes provocados por Ismael Merlo, facendo de Bernarda en La casa de Bernarda Alba. Outra dona que coxea do mesmo pé viril que Celestina. O conto, o único problema que lle vexo á Celestina de Gómez é que, á súa beira, Calisto e Melibea están “missing”, perdidos, fuxidos a toda a parafernalia pecadenta (nesta “comedia humanística”, poisque non é función teatral propiamente dita nin novela, aparecen os sete pecados capitais) despregada por Fernando de Rojas.

Melibea, ao meu entender, dá –deberá dar- moito máis xogo que a doncela sumisa que aquí se mostra. As putiñas ao servizo de Celestina e os criados que nos presenta Gómez si que canxan co espírito brutal dunha obra que o propio Cervantes definira como “obra a mi entender divina si encubriera más lo humano”. Conformando desta maneira un retábulo coral, nas mans de Jose Luis Gomez, máis que chamativo. E por certo que Gómez, onubense de nación, aporta un acentiño sureño a esta proxeneta,  moura e castelá, pois.

Te puede interesar