LA REVISTA

Despois de Franco, crónica Pop

scooter-2145422_960_720_result
photo_camera Imaxe dunha Vespa.

No ano 65 os Beatles só vendían cinco mil copias por disco

E con el, tamén. Daquela maneira, por suposto, con trancas e retrancas (“Tranquilidad viene de tranca”, adoitaba dicir un militar franquista moi da miña parcialidade, agás, claro, no relativo ao retrouso tranqueiro), censura, camuflaxes ou represión directa.

Así os mocazos propinados a varios dos asistentes ao concerto dos Beatles nas Ventas, verán do 65 e un teatriño como de verbena, e de presentador o inefable Torrebruno. Daquela os Beatles vendían, en España,  soamente cinco mil copias por disco, as mesmiñas vendidas por Los Mustang, das “cover” indíxenas que facían das cancións dos rapaces de Liverpool. Todo tan exótico como Raquel Welch, crucificada en “Hace un millón de años”, tal como a vemos na capa deste libro, de Adrián Vogel, home da música de todas as maneiras e dos que coñecen como poucos os recunchos da súa intrahistoria neste noso país.

Onde daquela, nos anos que conta Vogel, reinaba en El Pardo un nachiño ferrolán (alumno co meu abó Vicente, na escola de Don Marcos, aquel crego alto e lanzal, que facía tremar aos seus pupilos como varas verdes ao son da súa) que, en termos musicais, nos pasara das marchas militares e de Marina, de Arrieta e Camprodón, e que anseiaba vela nos cinemas. Morreu sen conseguilo. Máis non sen que aquí brillase un pop autóctono do meirande interese, ao campo non se lle poñen cancelas, que é o que vai reseñando Adrián Vogel.

Inseríndoo no contexto histórico e sociolóxico, que permite non soamente repasar o aquí acontecido mais entendelo mellor aínda. Tamén de cómo se pasara das cancións aquelas da autarquía aos ritmos italo-franceses para acabar entrando, en plenitude, nos aires saxóns: Beatles, Stones, Animals mais as súas equivalencias alén do Atlántico. Todo isto combinado cun pouco doado poñerse ao día entre o ruido das espadas e o “fru-fru” das sotanas, por máis que estas deran paso ao “clergyman”, primeiro, logo á roupa de paisano, directamente.

E por certo que tamén houbera cregos e monxas canoros, na órbita de Soeur Sourire e do Pére Duval. Acompaña Vogel o seu traballo, amplo e rigoroso, con acopio documental, incluíndo os “hit-parades” dos anos aquí estudados, que nos permiten unha ollada vizosa sobre o que foi e eramos.

Te puede interesar