CON TEXTO

Para o día das letras: Conversas con Manuel María

Neste libro, xa digo, está todo. Nun libro que é celebración da vida e festa da palabra, con Manuel María e Del Caño como concelebrantes dun libro que é do melloriño da efémerede

Moitos son os libros os que vén concitando o Día das Letras deste ano, adicado como se sabe a Manuel María, aquel poeta de Outeiro de Rei, dono dunha obra tan caudalosa como o Río Miño, tan torrencial que compre lela a poucos para non ficar apampados. Peneirándoa en escolmas, como as que fixeron Darío Xohán Cabana e Amalia Outeiro (para Galaxia) ou Manuel López Foxo (para a Fundación Manuel María). Así e todo ao redor da efemérede boto de menos unha reedición do Andando a Terra que escolmaba artigos que o poeta publicara en A Nosa Terra sobre o país (e aínda os países), a paisaxe e máis a paisanaxe. Grande este Manuel María, se cadra o meirande, amador da beleza, cal aquel Rei Don Joan I de Cataluña, no poema de Jaume Picas, musicado por Ros Marba (e cantado por Gloria, ¿que terá sido dela?).

Por suposto que na obra poética de Manuel María, sobre todo naquela que non vén ultrapasada polas urxencias políticas, hai tamén unha chamada á fermosura ¿se non de que?, mais onde máis disfruto eu máis do escritor é nestas prosas, demoradas, pousonas, cheas da bonhomía que Manuel María prodigaba (e fun testemuña directa do seu trato, como informo na miña aportación á efemérede, Manuel María: un home de mil pezas). Pois ben, esa actitude do de Outeiro de Rei diante da vida, e de quen van nela, aparece nun libro maxistral do activísimo ourensán (de Santa Eufemia-Celanova) Xosé Manuel del Caño. Quen vén de reeditar as súas conversas con Manuel María, publicadas por Xerais “in illo tempre”. Enriquecidas agora cun prologo de Darío Xohán Cabana, apéndices documentais e un impagable cedé-deuvedé, no que hai cancións, imaxes e voces, moitas veces, maiormente ceibes por riba de todas a de Manuel María, libérrima cal un paxarolo da Terra Chá.

Neste libro, xa digo, está todo. Nun libro que é celebración da vida e festa da palabra, con Manuel María e Del Caño como concelebrantes dun libro que é do melloriño da efémerede. E que deberá estar nas mans de quen desexe saber cousa era este poeta e disfrutador da vida, nado en Outeiro de Rei en 1929, primeiro poeta mozo que ousara publicar en galego, en 1950, cando chovía que arroiaba, e non -precisamente- bos agoiros para a lingua galega. Albo integral para Manuel María.

Te puede interesar