LITERATURA

Divino tesoro

Diante desta a ollada perplexa de Caine e Keitel, directores de orquestra e de cine, respectivamente, a curar as súas melancolías de vellez nun spa suizo, tal como as vemos no cartaz da película.

“Juventud, divino tesoro/ Ya te vas para no volver”: estes versos do nicaragüense Rubén Darío (cen anos da súa morte no que nos atopamos) eran de tal maneira de dominio público que miña avoa e madriña botaba man deles con frecuencia. Tanto que eu pensaba, de cativiño, que eran seus. A mocidade, ese misterio chamativo, a única doenza que se cura (segundo o cínico) co tempo. Sobre da xuventude ollada desde a vellez trata a nova xenialidade de Paolo Sorrentino (imposible non querelo desde A gran beleza; ao menos eu), agora xa con medios para facer unha coproducción, titulada en inglés Youth (“Mocidade”, precisamente), de novo unha reflexión de longo percorrido sobre vida e morte, coa fermosura que doe lá no fondo. Desta volta protagonizada por Michael Caine, Harvey Keitel, Jane Fonda e unha inconmesurable (¿como medila?) Madalina Ghenea, bomba sexi.

Diante desta a ollada perplexa de Caine e Keitel, directores de orquestra e de cine, respectivamente, a curar as súas melancolías de vellez nun spa suizo, tal como as vemos no cartaz da película. En primeiro plano, desde logo, o cu, perfecto como un mundo máxico, da Ghenea. Entre tanta beleza, que foi e -se cadra- segue a selo, ao remate Caine de novo a dirixir as súas “Cancións sinxelas”, en escena prolongada cunha música que nos deixa atrapados aos espectadores nas butacas mentres que na pantalla desfían os cretos, a fealdade personificada por un nachiño que podería ser Maradona. El tamén no spa, entretido en xogar na beira da piscina cunha pelotiña de goma. E claro que Maradona fora quen crear beleza nas canchas mais o tempo, en fin, é unha canallada.

E por iso Harvey Keitel ou Jane Fonda (nunha loita épica no avión que a devolve ao seu país) son puro naufraxio. Caine, se cadra, é o que se salva pola tenrura escéptica que vai poñendo nos anos que devoran. E digo os nomes dos actores, non os dos petrsonaxes, porque esta é, básicamente, unha película actoral, que nos confirma que -se cadra- estamos diante do directos máis grande do momento. Malia certa estética de videoclip, ás veces, que pouco engade ás historias fragmentais de Paolo Sorrentino. Un director italiano ao que se quere emparentar con Fellini. “Según y conforme”, diría Unamuno.

Te puede interesar