con texto

Don da sentimentalidade

Luis García.
photo_camera Luis García Montero.
Luis García Montero reúne  neste volumen corenta anos de poeta. Ordeados e en edición definitiva, figuran nesta Poesía completa (1980-2017) os seus doce libros, cos que trazou unha das traxectorias más coherentes da poesía española reciente.

Pertencía Luis García Montero a aquela tendencia que se coñecera como “nova sentimentalidade”, e tiña nas súas ringleiras poetas granadinos (se retirásemos os vates andaluces da poesía española esta ficaría tan orfa como as orquestras se desbotásemos aos músicos de vento levantinos). Así comezara García Montero un camiño que o ten levado ao cumio da poética española, ben que encadrado na liña experiencia ou confesionalidade que o persoal adoita contrapoñer ao coñecemento ou –directamente- ao silencio.

García Montero, en fin, non é soamente “poeta comme il faut” senón que ten feito de letrista (ben sei da barreira que separan poemas para ser lidos e os que teñen de levar música, á parte da implícita) para Sabina ou, recentemente Quique González. García Montero, falo con causa, di moi ben os seus poemas en vivo, o que lle dá un plus a unha poesía que non ouso definir como de liña clara, mais que se entende, ou deduce, doadamente. Se a isto lle engadimos a sentimentalide, fresquiña, nada putefacta, que destila, teremos unha solución para todos. Os amantes da boa poesía xa se entende. Iso de boa poesía é un pleonasmio, ¿se non de que? García Montero escribe de amor sobre todo. Mais cando fala de Jovellanos, un supoñer, sube a montes altísimos (vg. “El insomnio de Jovellanos”, “Lo sé/ meditaciones tristes de un cautivo”). Pero se eu tivese que escoller un só poema, difícil, estamos diante dun libro de máis de mil páxinas, iso si, prólogo de Mainer e epílogo de Jiménez Millán incluidos, optaría por “Merece la pena”, encabezado por unha cita de Joan Margarit, outro que tal baila, “Trist el qui mai no ha perdut/ per amor una casa”.

Toda unha mostra de como vivir pode ser esforzarse na arte de ser feliz. E xusto. Se se me permite a confidencia eu atopo parte desas habelencias lendo (e relendo) a Luis García Montero. Un poeta para todas as estacións e días da semana. Un poeta que non nega a Gil de Biedma mais tampouco de Garcilaso. Isto é, que coñece aos seus clásicos e non renega deles. Nós, tampouco. Por iso saúdamos, con alegría, este libro que xa leva un tempo nas librerías. Cal unha nova salutación ao optimista, aínda que esta sexa, “Bajo un sol que ya tenga/ mala cara de sueño y aspirina.”

Te puede interesar