Dylan de novo

Este libro inclúe máis de sesenta ensaios centrados en cancións doutros artistas, que van desde Stephen Foster ata Elvis Costello, pasando por Hank Williams ou NIna Simone. Dylan analiza o que chama "a trampa das rimas fáciles"

Entre os máis alporizados co Nobel dylaniano estivera Mario Vargas Llosa. Afinado novelista (case sempre) e agudo ensaísta (“La orgía perpetua”, sobre “Madame Bovary” é un fito). E non obstante que pouco lle prestara que o homologasen co camaleónico criador de Duluth (Minnesota). Como gañadores do Nobel, ambos.

Pois ben, talento musical á parte, Dylan ten demostrado, “Chornicles 1”, por exemplo, que escribe que nindiola. Co que vai resultar que non errabamos moito ao predicar, se cadra no deserto, os méritos literarios do autor dunha chea de cancións sen perda. Mágoa, que por razóns autopudorosas non haxa canción ningunha do autor deste libro sobranceiro que se chama, na versión española, a “Filosofía de la canción moderna”, ben traducida por Miguel Izquierdo.

Un libro do máis aparente, tapa dura, ilustracións a esgalla, desas que dan contexto e pretexto. E poisque fala de cancións non estará de máis escoitalas unha a unha través de calquera deses fedellos electrónicos á man de todos. Para ilustrar o libro con xeito. Porque moitas das cancións non se coñecen aquí. E é que o libro fala da educación sentimental-musical do seu autor. O que implica soul, country, blugrass, rockabilly, rock ou baladas. Tamén temas tan “standard” e consabidos como “Strangers in the night” ou “Blue Moon” (na versión de Dean Martin). A aparición dos temas semella un “totum revolutum”, coa inclusión de dous clásicos europeus, “Volare” ou “La Mer” (americanizado como “Beyond the Sea”), sendo Pete Seeger o único “folkie” de verdade que aquí se deixa ver. Entre dos grupos nada de Beatles ou Stones, mais si The Who, Santana ou The Clash.

E todo iso explicado nun estilo arraiano no poético, mais tamén con ese realismo poético tan presente nas letras de Dylan, e tamén nos pulos píctoricos que nos falan dun Bob Dylan cada vez máis pintor, cada vez máis artista “total”; o que sospeitamos sempre dun músico que tocou, segue a facelo, cantidade de xéneros. A partir de tantas influencias como se deixan ver neste libro que non engana, nin sequera no título, que a filosofía, aquilo que acaba onde comeza a poesía, ten moito de caixón de xastre. Cal se mostra nesta aventura de Bob Dylan. Sempre nun “never ending tour”.

Te puede interesar