RABO DE NUBE

Edición de peto

Apremiados pola vida efémera que teñen os libros (que ten todo nesta sociedade de consumo),  desaparecidos axiña das táboas de novidades, se é que chegan estar nelas, que esta é outra historia, cáseque nunca reseñamos, os que tal facemos, os libros de peto, económicos continuadores das edicións caras. Ás veces, tal é o caso, porque nos pasaron desapercibidas estas. Así que eu chego tarde (pero chego pronto, porque aí está, tan catalogado como sumamente disfrutable) a novela, pódese ler así, ou docudrama, de Héctor Abad Faciolince, El olvido que seremos. Entre nós desde o ano 2007.

A que teño diante miña é a décima impresión xa en peto. E chega a mín como galano por parte dunha lectora e amiga chamada Gabriela, a quen agradezo inmenso a xentileza. Que me permite ler a apaixoada, senón que mantén o distanciamento das boas maneiras e tamén da ética, pura e dura, que de porparte movía ao protagonista do libro, historia dun pai heroico (mais sumamente humano) contada polo seu fillo. Nada, pois, de axuste de contas, ao Kafka, senón -máis ben- un relatorio moi sentido e amoroso (e ben humorado) na liña de Marcos Giralt Torrente (entre nós quen mellor contou a relación paterno-filial co pai xa morto), soamente que escrita desde a moi violenta Colombia que lle tocou vivir.

O conto é que o doutor Héctor Abad Gómez, pai de Abad Faciolince, foi asasinado en Medellín, polo seu compromiso cos dereitos humanos. Seu fillo fala disto, desde logo, pero como en Crónica de una muerte anunciada, do seu compatriota García Márquez, xa se sabía. O que non sabíamos eran os claroescuros da vida dun home de mil pezas, fanático da beleza (eis unha das claves, o camiño ao que leva esa beleza, en plan Mann-Visconti), atopado polo fillo logo da morte do pai. Tamén da filla, a irmá Marta, chea ela tamén de beleza (e mocidade). Todo isto nun dos libros que máis teño disfrutado nos últimos tempos. E que veu a mín “pronto” porque libros así teñen moitísima vida por diante. Pola étrica que verquen. Pola estética que desprenden. Un libro, pois, agora en edición de peto, moi recomendable. Que polos abarrotes dun mercado, o libreiro, onde hai tanta peza prescindible, non tería chegado a mín senón a través dunha lectora admirable.

Te puede interesar