CON TEXTO

Esmorga sesenteira

sadas

Alfonso S. Palomares non soamente é un narrador de moita habelencia, eficaz, elegante, cheo de recursos para que o seu discurso non decaía, senón que ten grande ductilidade. De maneira que pode pasar dos papas de antano, así aquel Formoso xulgado de “momia” presente, antes de que esta fose chimpada no Tíber, á España da transición democrática, pasando, eis o caso que me ocupa hoxe, a un choio tan suxestivo cal o daqueles rapaces que fuxindo dos aires podres dunha dictadura que cheiraba a incenso e sancristía, liscaban cara a Europa dos campamentos de estío, onde facían furor os “pyjama parties”, cal os que nos conta Palomares na súa última novela. A que teño diante miña, con esa capa tan rechamante, na que unha moza posa diante dun xiradiscos “maleta”, con discos espallados polo solo. Algo así o desparrame dos anos que nos conta o de Calvos de Randín, últimos cincuenta, primeiros sesenta, cando liscar de España xa era unha finalidade, que se complementaba con ousadías políticas, culturais e sexuais. Por aquí os tiros das festas das que nos fala Palomares, sempre coa elegancia, en chegando a situacións corporais extremas, que tanto lle presta a este autor, de seu elegante. E camusiano. E non podían faltar neste libro as alusións a Mersault, protagonista “malgré lui”, supónse, de O extranxeiro, aquel nachiño que mata a un árabe sen saber por que. E pide ser apupado e aldraxado  á hora da execución, de pura perplexidade vital que o move.

Perplexidade, mais doutra caste, a que move aos elementos palomarianos, nesta novela nidiamente autobiográfica. E é que se os humanos somos fillos do noso tempo os escritores, dobremente. Porque nos corresponde vivilo, dixerilo e, logo, contalo. Aínda que, eis o caso de Alfonso S. Palomares, compra ciar nos séculos, ata chegar á dicotomía papado-imperio, para dar un pinche temporal e aparezamos nun campo de traballo inglés, alá polo ano 1960, cando un rapaz semellante a Palomares (ou tal vexo eu), “Madame Bovary, c´est moi”, xa se sabe, faga as primeiras e marabillosas prestidixitacións a bordo dunha moza nórdica chamada Astrid. Por exemplo. Un libro, en fin, que sendo novela ten moito de crónica e, aínda, de docudrama. Moi, moi recomendable.

Te puede interesar