rabo de nube

Exemplar biografía

Vaamonde y Miguel Boo_resultado
photo_camera Presentación del libro en el Marcos Valcárcel.

Miguel Boo homenaxea ao icónico músico galego, Suso Vaamonde, con este volume biográfico,no que relata anécdotas da súa vida, ademais de recoñecer o papel que tivo na tradición oral do pobo galego.

Suso Vaamonde, o cantante, non o gaiteiro con quen cadrei en Heidelberg hai ben de anos, amenizándonos o ágape posterior ás presentacións, con pasodobres e valses, cal nas vellas romerías galegas, atopou sobranceiro biógrafo en quen fora –ademais- seu amigo, Miguel Boó. E o caso é que poucos cantautores, valores musicais á parte (a cativa opinión que teño dos de Suso van reflectidos con sinceridade nun libro no que, dou testemuña, Boó recompilou depoimentos con honradez), tiveron a vida –por desgraza breve- tan aventureira, como de gato ventureiro, polas que tivo que pasar o Suso. Todo iso subliñado nun libro que se le de corrido, cáseque sen tomar alento, tendo en conta a grande habelencia do xornalista de longo percorrido que foi, segue a ser (hai profesións que imprimen carácter), Miguel Boó. Quen transmite “ad pedem litterae” o que sempre sospeitei, que Suso Vaamonde é un personaxe como de novela, que tería gorentado ao propio Baroja.

E pois que o autor de Aviraneta xa non está bo que exista Boó para reinvéntalo. Centrándose na vida e nas fazañas deste rapaz que quixo sempre ser cantante, primeiro de rock, logo de folk, por fin belixerante, de tendencia, protesta, en fin. Ese cantante que se manifesta comprometido coa loita antifranquista, dentro do grupo Voces Ceibes. Do que non admitirá a súa disolucion, teimoso –cal o Papa Luna nos seus trece, de Benedicto XIII, lástima fora- en proseguir co nome do grupo do que eu fora cofundador (xunto a Benedicto, Xavier, Moscoso e, non se esqueza, o “poeta” Alfredo Conde). Mais a realidade, testuda, impuxérase e Suso proseguirá cantando, senlleiro, ventureiro.

Antes e despois do turbo incidente de Guimaráes, aquí contado, ou a súa intervención nun festival pontevedrés (1979) que o mandara a ese exilio (Inglaterra, Alemaña, Venezuela) que acabara nos corenta e seis días na cadea ourensá (1984) que marcarían a súa liberación definitiva. Deica que veu a morte, madrugadora de máis, dar cabo del en 2000, cando aínda non cumprira cincuenta anos (nacera en 1950). Todo isto narrado asisadamente por Miguel Boó en biografía exemplar. Que axudará a que Suso Vaamonde sexa máis que sombra de sombra (por citar ao grande Jacques Brel).

Te puede interesar