Familia que fascina

Sara Mesa volve demostrar que posúe un ollo clínico para espir comportamentos humanos, detectar feridas latentes e retratar en toda a súa complexidade a fraxilidade, as contradicións e as fraquezas que nos conforman

COIDO que erran quen presentan este libro como unha desfeita familiar e a Sara Mesa cal unha “destroyer”. Con efecto, o que fai esta autora madrileña mais residente en Madrid, para min a mellor dos escritores españoles, incluindo as “vacas sagradas” vivas ou mortas recén que se moven polo espazo nacional, é pintar unha familia, como a vida mesma. Unha familia arbórea, coas ponlas correspondentes.

Un núcleo ben intencionado, pola parte paterna, un deses tipos “comme il faut”, que cre na cultura como o primeiro, e derradeiro mandamento, que ten prohibido o televisor na casa, e a Mahatma Ghandi como máximo apóstolo. Que ese puritanismo radical leve de seu contradiccións nunha sociedade, a española dos oitenta do século pasado, mesmo a rebeldías soterradas no cerne familiar é tan obvio como que despois do trebón vén un certo sosego. Nos arredores hai unha cativa adoptada, un parente estrafalario, un veciño exhibicionista, unha mestra ambigua e tal e tumba. E por riba deles a sublevación hormonal de quen non aturan, ben que se subleven sibilinamente, o despotismo ilustrado do proxenitor.

Semellante cadro podería lembrar o de “Cuéntame”, primeira etapa, a máis aturable, o único que Sara Mesa escribe e describe cunha sutileza que abráis, cun manexo da elipse extraordinario que non permite nin unha pincelada retranqueira, moito menos sarcástica, nun libro que confirma á autora de “Un amor”, como unha experta en escrita reaiista “ma non troppo”. Porque hai nela un viaxar por espazos dunha certa intanxibilidade mais que están aí. Que seguen a estar sen necesidade de empregar nomes propios, nin apenas topónimos, sen apelacións a costumismos nin á Historia. Simplemente deixando que o lector se mova de sorpresa en sorpresa, engaiolado na maxia dun autora, que sen efectismos nos conduce a un remate que nos deixa, a min ao menos, con mente convulsa, Reitero a miña admiración por Sara Mesa, a quen non coñezo de nada, nin sequera a súa voz nin -prácticamente- a súa imaxe. Abóndame co que levo lido dela. Últimamente esta novela, nin sequera destripe, como algúns (mal)apontan, dunha institución, a familiar, tan real como a vida que por aí se move exteriores/ interiores. E máis nada.

Te puede interesar