RABO DE NUBE

Felices ma non troppo

Yasmina Reza, francesa, de pai ruso e ascendencia hebrea, vai quedar na historia da literatura (dramática) por aquela  Arte, que botara anos en carteleira

Yasmina Reza, francesa, de pai ruso e ascendencia hebrea, vai quedar na historia da literatura (dramática) por aquela  Arte, que botara anos (en Madrid dous seguidos, logo en reaparicións máis ventureiras, una delas co actor arxentino Ricardo Darín) en carteleira. Tamén por esa función, Fillos dun deus selvaxe, levada ao cinema por Roman Polanski, nesta última fase na que o director polonés, tal como fixera con A Venus das peles semella optar por postas en escena minimalistas. Pero, ademais, Yasmina Reza é tamén narradora. E non das peores.

De feito o seu último libro, o que teño diante miña, encabezada por una maxistral cita de Borges, “Felices los amados y los amantes y los que pueden prescindir del amor. Felices los felices.” é  novela. Unha narración composta por capítulos que se suceden como aneis dunha cadea, configurando cada un asuntos autónomos que case, case funcionan a xeito de contos. E tal serían se non fose porque mentres avanzamos polo percorrido elegante, aínda que ás veces sen evitar linguaxe explícita (elegancia dobre, digamos), desta novela atopamos que as pretendidas historias (de seu), fan por vencellarse canxando un relatorio no que todo canxa como nun mecanismo de reloxería. Desta maneira o primeiro capítulo corresponde a Robert Toscano facendo a compra semanal, coa súa muller Odile. Ao redor da que vira prácticamente o peche do libro. Os dous, Odile e Robert, personaxes que dotan de fascinio un historial composto por rutinas familiares, amantes, amigos, vellotes, residencias xeriátricas e vacacións de neve, compoñendo unha felicidade que non o é mais tampouco deixa de selo. Os felices perplexos, dixérase, co que a cita de Borges, tan amigo dos labirintos como a propia Yasmina Reza, semella ben pertinente. Deconstruíndo a felicidade podería ser outro título posible para un libro que atrapa ao lector, facendo del cómplice da súa harmonía. Non outra que a que a vida, chea de amores/ desamores, amados/ desamados, fai por broslar e desfacer ao xeito de Penélope. Ela sí, fidel. Outra historia, sen dúbida, definitivamente contada por Homero (e recontada por James Joyce). Yasmina Reza fai canto pode, ben traducida por Javier Albiñana; moito.

Te puede interesar