LITERATURA

Ferreiro na guerra

Esta obra de Celso Emilio Ferreiro desvélanos como é a poesía que o autor de Celanova ideou e escribiu ao longo da guerra civil e axúdanos a entender a xénese da súa expresión poética, que nunca abandonou. 

Como sabemos, e pois os sublevados gañaron a guerra civil en Galicia á penas comezada (a fins de xullo non ficaba recuncho que non fose “nacional”), aqueles republicanos novos que non foran parar ao cárcere ou, directamente, á cova, tiveron de incorporarse ás tropas franquistas. Eis o caso de Ramón Piñeiro, Fernández del Riego, Ramón de Valenzuela ou Celso Emilo Ferreiro. 

O de Celanova andivera pola fronte de Asturias: concretamente, entre os anos 1937 e 39, nos rexementos Milán e de Transmisións. Ambos de Oviedo. Cal aprendemos no libro que reproduce a poesía que Celso Emilio escribira neses anos. En español, lástima fora, que nin o  momento nin a circunstancia daban para facelo na lingua na que Ferreiro comezara manexarse nos anos prebélicos: o galego. Eses poemas son os que ven agora a luz, da man de Xavier Ferreiro Loredo, fillo do autor, en libro prologado por Ramón Nicolás, biógrafo canónico do celanovés. Dígase, tamén, que o libro, entre outro material (poemas á parte) de interese conta cun artigo de Mariel Rodríguez, publicado en “La Región” (“Poeta da Calle Arriba”): sendo esta dona, poisque filla de “Prenta”, o amigo de CEF que recibira o material ferreirán, custodia destes poemas, fotocopiados xa que os orixinais se perderan nunha mudanza. ¿El que atopamos en Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-39)? Pois nin máis nin menos que a xénese dun poeta que, con Longa noite de pedra, ha ficar na poesía galega como artífice decisivo dun momento dela. Chamativo que tanto Curros Enríquez como CEF, poetas cívicos, os dous, da meirande altura viñeran ao mundo en Celanova. 

Nun espazo cativo entre as duas casas natais, o que dá a esta vila (non moi ben parada na correspondencia do Celso con “Prenta”, mais con compensación futuro en Onde o mundo se chama Celanova) un altísimo porcentaxe poético. O universo de Ferreiro, xa se albiscaba nos poemas (tres seccions) que conforman Birimbao (instrumento musical tan humilde, tan de carricanta, diría eu, tan de “western”). E neles, na súa sinxeleza, están maneiras ferreiráns, a morte, a anguria existencial, o amor, o popularismo (vía a fórmula neotrobadora e certos aires lorquiáns), que non deixarán de asomar en entregas vindeiras.

Te puede interesar