CON TEXTO

¡Qué grande, Dickens!

dickens

 Charles Dickens escribía para outra época, iso é máis que obvio, pero sobre todo pola cousa da lonxitude de moitas das súas obras

 Charles Dickens escribía para outra época, iso é máis que obvio, pero sobre todo pola cousa da lonxitude de moitas das súas obras, previstas para uns lectores que non soamente dispoñían dun tempo, ocupado hoxe nunha chea de mesteres pasivos (a lectura é un mester activísimo).

Porque, polo demais, a temática das novelas dickensianas é intemporal. Dickens cando retrata as infamias da revolución industrial non está senón anticipándose ao futuro, hoxe presente, igual de cruel no maltrato humano, mais controlado aínda por esas máquinas que, a maiores, minguan o pracer lector. A novela que veño de ler de Dickens, a terceira da súa “opera omnia”, posterior a Oliver Twist, sendo menos sombría que esta e máis a xogo con Pickwick Papers, Nicholas Nickleby (traducción española de Bernardo Moreno Carrillo), reflicte ben o mundo victoriano, cunhas escolas severísimas, onde a letra entraba con sangue, da que é paradigma a Yorkshire Wackford Squeers do libro.

Onde vai parar o bo de Nicholas empurrado polo ruín Tío Ralph, un máis da caterva de falcatrúas de Charles Dickens, encabezados por Fagin (o mestre de malandros que sae en Oliver Twist). Esta novela de Dickens, para seu biógrafo canónico, Peter Ackroyd, “a máis divertida de toda a historia da lingua inglesa”, supera as mil páxinas, eis a dobre grandeza de Dickens ao escribila (no tamaño, na calidade). A que engadir a beleza da edición de Nocturna que teño diante miña. Apoteose dunha novela “on the road”, Dickens aprendera moito de Cervantes (Monipodio é antecedente de Fagin, mais menos renarteiro e cabuxo), que vén sendo, ao tempo, un retábulo de elementos vivísimos a retratar un tempo e un país. Hoxe, cando ningún escritor de fuste (desconfíen dos folletóns seudohistoricistas, onde a historia é fin, non medio), tamén porque non se levan as novelas “por entregas”, escribiría unha novela desta extensión compre agradecer a existencia de xenios, como Dickens, quen de manter o ritmo ao longo de semellante terreo narrativo sen deixar que o argumento, nin o énfase, decaían. Iso por non falar da súa vontade de estilo. Tolstoi sostiña que Dickens era o primeiro novelista do seu tempo. Se cadra o autor de Anna Karenina non erraba.

Te puede interesar