RABO DE NUBE

Como a guerra mesma

escuadra_result

En 1953, na posguerra do conflito mundial, pero tamén do noso, Alfonso Sastre escribirá unha obra, Escuadra hacia la muerte, que dera salvado os atrancos censores porque non se sabía ben onde estaba ubicada.

Isto é, como a morte máis parva de todos (sendo a morte estúpida de seu), a guerra, os conflictos bélicos, seguen a sementar o mundo de loucura. Nin sequera as vacinas das dúas guerras mundiais serviron de nada. En 1953, na posguerra do conflito mundial, pero tamén do noso, Alfonso Sastre escribirá unha obra, Escuadra hacia la muerte, que dera salvado os atrancos censores porque non se sabía ben onde estaba ubicada.

A súa abstracción permitía que calquera poidese desviar o seu obxectivo cara a outros lugares. España, a súa censura, tamén. Por iso Sastre deu estreada (18/ 3/ 53) unha función que sería pasto durante moitos anos de teatros escolares, sobre todo de rapaces, poisque os protagonistas son todos homes. Na estrea un reparto de luxo, con Adolfo Marsillach, Juanjo Menéndez, Fernando Guillén, Agustín González e Miguel Ángel Gil.

Na función que vin o outro día, no María Guerrero, o reparto non era de tanto ringorrango, pero iso porque na escea española medran hoxe os bos actores cal se fosen cogumelos após da chuvia. A montaxe, así e todo, asinada por Paco Azorín. Unha montaxe expresionista e distanciadora (e distanciada) ao xeito de Bertolt Brecht. E non soamente polas cancións e poemas deste inseridos no texto sastriano. Que se abeira, desta volta, non na cabana de madeira do orixinal senón nunha cela, desequilibrada, semellante xa que logo a unha checa, da que se sae por unha escaleira metálica. Iso reforza a claustrofobia da escena, e tamén –claro- do escenario, que acobilla a cinco homes, escuadra de castigo, agardando a chegada dun inimigo oriental, ruso, se cadra, comunista, probable, sendo así que estes militares, todos cun escuro pasado, botan de menos o loitar con xente máis próxima a eles, en cultura e idiomas. Adversarios, pois, relativos poisque farían máis confortable a guerra. A función de Sastre, tantos anos despois, é xa un clásico poisque resiste non xa unha lectura (que tamén, veño de facela, con proveito e satisfacción) senón tamén unha representación (a que veño de ver). Con adolescentes, eis a proba do nove, que seguían con todo interese Escuadra hacia la muerte. Protesta ben implacable, disparando por elevación, contra a guerra. Contra todas.

Te puede interesar