A guerra dos ninguén

“Los nadies de la Guerra de España”
photo_camera “Los nadies de la Guerra de España”

Un relato que nos mostra unha época que tivo moitas máis arestas do que nos contaron os relatos dominantes, a través das palabras, da historia e da memoria

Alguén a quen quixen tantísimo, e que sendo dos “vencedores” na Guerra Civil xamais pronunciou palabra denigratoria para os “vencidos”, dicía que a meirande parte dos participantes no belicismo aquel entraran no xogo segundo o lugar que os apañara. Por iso, agora que a bibliografía da Guerra bota fume, vén moito a conto falar deses seres anónimos que acabaron malamente na historia dun país que, dixo Ángel González: “…. es como la morcilla de mi pueblo. Se hace con sangre y se repite.” Por iso, para que non volva o malo está moi ben este libro de Leira Castiñeira, no que a través de testemuñas mudas ou por medio de parentes, imos coñecendo calvarios diversos, que iso foi aquel tempo unha subida ao Gólgota, cando non –directamente- baixada ao Averno.

E vemos casos de mortos en vida, poisque acabaron sufrindo o desprezo dos seus familiares, quen se sentiran sacrificados por unhas ideas que de nada serviron aos proxenitores. Tan sequera para que os seus nomes salvaran a barreira do esquezo. Si, agora hai quen ultrapasa esa alfándega; outros, témome, ficaron nesa terra de ninguén que configura “Los nadies de la Guerra de España”. Non vou enumerar os nomes que neste libro están. Uns cantos.

“Los nadies de la Guerra de España”
“Los nadies de la Guerra de España”

Mais quero dicir que abondaría co da mugardesa, Amada García, ninguneada mesmo polo seu fillo, fusilada unha vez que parira a este, nun capítulo boísimo no que Leira Castiñeira, visto o feito lendário de que Amada fora executada por broslar unha bandeira comunista, analiza polo miúdo todas as heroínas, de Mariana Pineda en sucesión, acusadas de feitos semellantes.

Ás veces os relatos acadan un algo de “thriller” así o do home aquel carismático, militar e masón (e socialista), igualmente fusilado na alborada bélica, que vai ser o avó dese presidente de goberno no que está vostede pensando, si, Moi ben contado o seu periplo vital ata a desfeita por Leira Castiñeira. Cal o do miñaxoia que morre no “Castillo de Olite”, xusto cando a guerra está a piques de finar. Mais entre eses “don nadies” figuran, ollo á circunstancia, os “gais”, daquela, e despois, citados con termos moito máis rotundos. As palabras de Queipo de Llano sobre Azaña son ben ilustrativas. E máis, moito máis, nun volume espléndido.

Te puede interesar