con texto

“Ha, ha, ha, non”

ant
photo_camera Antonio Orejudo
O escritor madrileño, Antonio Orejudo, recolle algúns dos seus textos, antigos e recentes, e englobaos baixo o título de “Grandes éxitos”. unha especie de antoloxía comentada polo propio autor

Laiase Antonio Orejudo, nun dos capítulos deste libro tan pavero (pero non, que chamarlle humorista a Orejudo é como chamarllo ao seu mestre, Cervantes, ou dicir que “Mirando ó chau”, de Curros Enríquez é un poema festivo) de que o daquela estrela da crítica, Miguel García Posada, desbotara a súa literatura  como levidade posmoderna, ou sexa, a que non se tomaba en serio a ela mesma. O contrario, claro, sería a modernidade, entón “á la page”. Queíxase Orejudo dese desprezo, pero presenta a súa queixa dun xeito levián, ou sexa irónico, retranqueiro ou, simplemente, paródico. E moito de parodia ten este libro, recompilador de contos, semicontos, artigos, proxectos ou reflexións dun dos autores máis divertidos cos que conte a literatura española de hoxe.

Pero sendo iso Orejudo é moito máis, trátese de parodiar o “Cantar del Cid”, de poñer en solfa a Javier Marías (imitador de Thomas Bernhard, seica), celebrar a Enid Blyton e os seus 5 (tema recorrente en Orejudo). Ou contar nun conto hilarante de cómo as tertulias na casa do filósofo donostiarra Fernando S…., poden acabar dun xeito erótico-festivo coa presidenta do Banco S…, Patricia B…, facendo cousas dignas da literatura oral. A que practica, ata certo punto, o gran Antonio Orejudo, non tan famoso como Eduardo Mendoza ou Landero, mais moito moito sabedor e sabido, e quen o dubide faga a proba. Eu lendo este libro morrín, literalmente de risa, como non o facía desde “La conjura de los necios” ou “Pantaleón y las visitadoras” (podería dicir desde que lera “El Quixote”, mais non quero pasarme, como si fai Orejudo con “El coloquio de los perros”, el, especialista en Cervantes). Morrìn, digo, pero resucitei para seguir deleitándome cun libro dos que máis me teñan prestado nos últimos tempos. 

Narrativa en estado puro, aínda que se disfrace de moitas outras cousas. Ademais do xa citado, peciñas teatrais que ben se poderían representar ou mudar en guións, televisivos ou radiofónicos. Hai moitos Antonio Orejudo, mais están nun só. Aquí, para gozo noso. E con todo respecto para o García Posada,  direi que se hai un autor moderno é este. Case tanto como o fora Cervantes no tempo aquel tan cheo de sombras. Como o que nos toca vivir, por certo.

Te puede interesar