CON TEXTO

Intenso Diego Vasallo

Como a vida non deixa de dar(me) sorpresas, o que permite ir por ela con cara de poema, bato cun libro-disco de Diego Vasallo, no que levo días fedellando contento como coello na verza.

E é que este artefacto, poñamos, leva ademais unhas ilustracións non nada figurativas dun señor que encetara a boroa artística a bordo dunha nao pop chamada Duncan Dhu. Na que Diego levaba (leva, que o buque este non afundiu aínda) o leme xunto con Mikel Erentxun. E o conto é que ambos fixeron (fan) carreira en solitario, demostrando ter cada un iso que se chama un mundo propio.

Diego Vasallo, en fin, dono dunha das voces máis rotas/ rachadas que eu teña sentido nunca, con tendencia ao afogue (un afogue ben acordado, así e todo), escribe (para o seu goberno) badaladas. Xénero do que son fervente parcial. Porque poucos choios como un balada con xeito, poucos mesteres como os do baladista cando en forma.

Así Diego Vasallo, donostiarra (de 1966), quen de arriscar nun panorama, o nacional, onde a mocidade é o que conta como albo ou obxecto. Daquela ese público novo difícilmente petiscará nun disco como este, de tanta altura estética como fondura concreptual.
Por iso é cousa de felicitar a Vasallo e desexarlle o mellor cun asunto de letras harmoniosas (que canxan cos poemas que o libro insire), ilustradas por unhas ilustracións que estalan e impactan. Desde unha abstracción con aires de “collage”, dando paso esta técnica a presencia de figuras. Como figuras, as de Chopin ou Baroja, aparecen nos poemas de Vasallo. ¡Poemas! Acabando deste xeito coa polémica que o recenté Premio Nobel de Literatura a Bob Dylan vén provocando. E por certo que cadrei o outro día con Diego nuna acto riba do cal pairaba a sombra do de Duluth, Minnesota.

Resolvido o asunto pola presencia lumínica de Diego Vasallo, quen de alumear cacharelas con estes poemas que son baladas, e estas baladas que son poemas e estas ilustracións que son todo ao tempo, nun exercicio de honestidade e tensión. Intenso Diego Vasallo, moito máis que un “popper”, un home pop, aínda que non deixe de solo. Para ben de todos e de todo canto quere que sintamos, vexamos, leamos. Parabéns, Diego Vasallo, baladista complexo, que non complicado, outra historia.

Te puede interesar