Rabo de nube

John Berryman, poeta moi grande

John Berryman poesia
“77 cantos del sueño” é un alucinado discurso onde o autor aborda o alcoholismo, os pesadelos, a violencia física e verbal, o egoísmo, as crises nerviosas, a luxuria, os desexos desmedidos, as infidelidades e un perenne sentimento de culpa

Na poesía americana dos cincuenta-sesenta (do século pasado estou a falar, lástima fora) non todo son os “beat”, por máis que estes gozasen da meirande difusión. Maiormente pola presencia entre eles de Kerouac, sobre todo, máis tamén Ginsberg ou Ken Kessey, “Alguén voou riba do niño do cuco”. A maiores incorporado a eles, ao menos nalgunha das escolmas que os recolle, Dylan.

Mais en liña paralela a estes hai todo un grupo ou xeración de poetas da posguerra (do conflicto bélico que se desenrola entre 1939 e 1945). Atopamos nel a Robert Lowell, Elizabeth Bishop, Delmore Shwartz e -para o caso- John Berryman. Moi ben traducido, na version bilingüe que Vaso Roto presenta, por Andrés Catalán e Carlos Bueno Vera. E ollo que Berryman trae moitos problemas, dialectalismos xogos conceptistas, sintaxe abrupta, etc.

Porque estamos diante dun poeta moi complexo, na liña confesional que xa practicaran algún dos seus mestres, cal Auden, Hopkins ou Pound. Un confesionalismo que se nutre dunha vida atormentada, influida polo suicidio do seu pai, tal como lle acontecera a Hemingway. E por certo que ambos acabarian coas súas.

Berryman chimpadose dunha ponte no Mississippi en Minneapolis, un 7 de xaneiro de 1972 (nacera en 1914). Berryman dominado polo alcohol optara por esta vía logo de ter acadado os meirandes honores no seu país, o Premio Pulitzer incluido polo libro que temos diante nosa.

Unha historia complexa, unha salmodia autobiográfica que reflicte a paixón americana dun home no que a poesía, ese xénero que comeza onde remata a filosofía (e morre onde principia a música) servira de -relativa- salvación. Neste libro, cumio da poesía do Século XX, entendemos as razón.

Entre do soño (do pesadelo) e a realidade, entre a vida e a morte (en vida), Berryman desenguedella un fedello de vivencias, onde personaxes do momento en que este libro se escrribira, Ike Eisenhower (ou o seu opoñente, Adlai Stevenson) non son máis que pezas dun xadrez que é –como nunca- campo de batalla.

Contra do seu mesmo artífice. Deus maior nesta sorte de cancións ou cantos do soño, onde Henry-Misiño (o propio Berryman) canxa, ao desartellalo, canto estaba sendo. Logo viría o Mississippi. E máis nada. Ou máis todo.


Libro: Cantos del sueño | Editorial: Vaso Roto | Autor: John Berryman | Precio: 20,90 euros

Te puede interesar