RABO DE NUBE

Jonás na súa balea

virgendeagosto
photo_camera Fragmento de “La virgen de agosto”.
Dentro desa balea entran unha chea de personaxes que fan desta película unha historia coral, pola que van xirando os caracteres ao redor de Eva. Unha historia que acontece nunha quincena, a previa á festa da Virxe de Agosto

Poucas películas tan redondas e necesarias nunha estación tan prescindible (para mín, cando menos, que non aturo a calor) cal o verán madrileño. A balea de Jonás Trueba (“La virgen de agosto”) non é outra que a canícula no barrio de Lavapiés, xudeu no seu momento (era o enclave dos hebreus en Madrid antes da expulsión destes), ben humilde –aínda non se puxera de moda-  tamén no aspecto cultural. E dentro desa balea entran unha chea de personaxes que fan desta película unha historia coral, pola que van xirando os caracteres ao redor de Eva (moi ben interpretada por Itsaso Arana, coguionista polo demais do filme).

Unha historia que acontece nunha quincena, a previa á festa da Virxe de Agosto, tan celebrada (o 15 de dito mes) en toda España. Mais centrada, neste caso, na “Virgen de la Paloma”. 

En puridade como pretexto para as evolucións de Eva-Itsaso, residente eventual nun piso, prestado, que dá ao Rastro. Eva non se atopa, e vai e vén polas rúas dun Madrid, non tan baldeiro como adoitaba no verán mais –así e todo- festeiro. Nun momento a acción ponse fluvial, o que resulta unha homenaxe a “El Jarama”, esa novela tan deostada polo seu autor, Rafael Sánchez Ferlosio, mais moi aprezada por moitos (entre dos que me atopo; veño de lela por terceira vez). E falando de recoñecementos dígase xa, e isto non é pecado, que a película de Jonás Trueba é debedora do cinema de Eric Rohmer (en xeral) ou da Agnes Varda de “Cléo de 5 a 7”. Mais Trueba o que fai é procurar unha maneira sentimental axeitada a ese neocasticismo (tal vez dicir neoenxebre sería o axeitado) con cheiriño a fritanga, cervexa e “tinto de verano” que exudan as verbenas. Todo iso é moito máis é o percorrido de Eva polo verán de Madrid, ultrapasando todo, tamén a mampara que protexe o Viaducto dos suicidios.

Pero tampouco. E Eva segue e segue, nun nocturno impecable entre amigas ausentes, cativos que ollan todo con finxida indiferencia, actores en paro, ou camareiros provisionais. Todo tan provisional como a vida, fixada con pericia por este Jonás Trueba, membro dunha saga que hai tempo que vén dado moi bos froitos. Cal anuncia Eva/ Itsaso. No senso real, no figurado. Unha película que é un “must”. Para quen non  teman ao cinema que vai de vagar. Cal o verán madrileño.

Te puede interesar