Labirinto cosmopolita

"El cadáver que envejece dentro de su tumba" comparte co público numerosas facetas da condición humana, que abarca tantas épocas. Rob, Ed e Carmen percorren camiños que moitos transitan cando menos na imaxinación

Elizabeth Quila é unha autora ecuatoriana, residente en España, ao menos últimamente, cando tiven ocasión de bater con ela na Feira do Libro de Madrid. Un acontecemento felizmente recuperado, logo da pandemia. Demostrativo das apetencias hiperbólicas de gozo por parte do persoal.

Quila pareceume unha escritora chea de paixón, afoutada, como veño de comprobar lendo El cadáver que envejece dentro de su tumba. Esta novela que nos fala dunha autora aínda por coñecer nun país, o noso, no que a literatura do Ecuador non está espallada. Quila vén unirse a esas pegadas que vai deixando Mónica Ojeda, unha narradora que tampouco peca de timorata á hora de subliñar como entender a literatura a xeito de provocación. De botar ao lector fóra da súa zona de confort. O que non me parece mal, na miña condición de fondista da lectura. El cadáver… comeza cun sepelio, e o título de certo non engana. De maneira que esa morte, co seu aquel naturalista, axiña vai levarnos a un trío de protagonistas. Que descompostos, como o cadáver en cuestión, farán de nós seguidores dunhas historias misturadas dunha xente que o vento trae e leva polos camiños dos que falaba Dylan en”A Song to Woody”.

O único que este vieiros se proxectan polo mundo adiante, e pasan de Europa a América, e viceversa, nun proceso que semella irreversible poisque todo apunta a un remate, que con todo aínda ficará aberto, como se Elizabeth Quila quixese deixar aberta a porta dunha habitación, por momentos “do pánico”. Porque se a narradora (tamén, por certo, poeta, e o seu libro sae nunha editora especializada, básicamente, en poesía) sen criar medo si dá achegado, xa se dixo, un a xeito de desasosego con esta novela de amores entre persoas do mesmo sexo, ás veces tratadas con violencia por elementos definitivamente homófobos. Mais o certo é que Elizabeth Quila non soamente non fai unha novela de “bos e malos”, senón que pretende, entendo, retratar, un tempo decididamente labiríntico, onde as circunstancias lonxanas (a guerra civil española, que aquí tamén se deixa ver) seguen marcando persoas e actitudes. Novela complexa esta, de medos interiores, narrada con eficacia e xiros “terruñeros” que o lector non latino vai agradecer.

Te puede interesar