literatura

Libros para o verán

O autor propón “A montaña máxica”, de Thomas Mann, un fito na historia da literatura, revolucionaria no seu tempo. anos despois da sua publicación, 1924, o propio Mann habería de fuxir da besta nazi

Xa se decatarán da retranca de quen así titula cando a súa é unha adicación á leitura que non coñece ciclos estacionais (nin farrapos de gaita). Aínda así, e dando por descontado que o libro que vén de ter entre as mans non é, polo seu volume, para levar á praia, semella que esta novela de Thomas Mann, un fito na historia da literatura, revolucionaria no seu momento, pide tempo e lecer. Axeitada, pois, para as vacacións. As veraniegas, as máis longas, e se calorosas, mellor coa neve que arrodea eses mil seicentos metros sobre o nivel do mar onde Castorp, Naphta e Settembrini desenrolan os seus diálogos e elecubracións previos ao asesinato do Archiduque en Saraxevo, a marcar o remate deste novelón, el tamén por riba dos mil metros, perdón, páxinas. Que van e veñen polo Sanatorio Berghof (en Davos, Suiza), ao chou (ben medido polo autor) dun retábulo impresionante de personaxes, pertencentes á alta burguesía europea (con incrustación de “parvenus” e, mesmo, de xente de medio pelo social, así Settembrini), nese mundo que se virá abaixo coa I Guerra Mundial. 

Unha novela non soamente falada, o trío do principio pouco máis fan que elucubrar, senón con toques costumistas cando non decididamente retranqueiros (Mann, seica, quería unha contrapartida humorística de “Morte en Venecia”) sobre as liortas socio-políticas entre liberais masónicos (Settembrini), socialcristiáns (así o ex-xesuita, Naphta) ou sincretistas (Castorp). Mais no fondo o propio Mann reflicte o progreso dunha novela ou como se fai esta, para desenguedellar o fío narrativo nun bulir final no que o (non)duelo é a apoteose dese mundo que se desmiuza entre as mans enluvadas dos protagonistas. Anunciáse tamén a deriva antisemitista dun seitor alemán (moitos hóspedes do sanatorio son desta nacionalidade), que ten o clímax na pelexa entre Wiedemann e o xudeu Sonneschein.

Anos despois da publicación da novela, 1924, o propio Mann habería de fuxir da besta nazi, proclamando en frase famosa que “Onde estea eu está Alemaña”. Grande cal unha montaña, fascinante como a maxia que vén tamén no seu título estamos diante dun libro para as catro estacións. Se cadra a veraniega, pola súa lonxitude, a máis propicia. Poidera.

Te puede interesar