Medio século escoitando a Miro Casabella

Un precursor da música galega e cantor do mítico colectivo Voces Ceibes

Estiven escoitando unha vez máis, levo máis de medio século facendo o propio, a Miro Casabella, en Pontevedra. No recuperado Teatro Principal, que eu coñecera como cine “de pipas”, nos sesenta, un verán namoradoiro que botara en Marín. E o conductor do trole que nos levaba á “boa vila”, era un defensa do “hai que roelo”:  Cholo. Tempos. Como os que leva vivido, e cantado, este señor de Ferreira do Valadouro, que responde por Ramiro Casabella.

Pois ben, quero constatar que o noso primeiro cantautor, membro que fora de Voces Ceibes, houbera outro moi primeiro, representante do “folc-rock”, Bibiano, morto de morte madrugadora, segue en activo milagroso. A Miro, pouco parcial de falar da da gadaña, téñolle agoirado que finará, como Charles Aznavour, moi velliño e cáseque a bordo dun escenario.

O evidente é que segue en glorioso activo, como cantante, folclorista e medievalista. Na primeira condición, con voz ben timbrada, e a palleta en moi bo xeito de afinación, na segunda, como recompilador de temas do noso folclore, que borda acompañado da zafona (instrumento que alecciona a alumnos na Coruña e bisbarra, lugar da súa residencia), na terceira, por musicador de cantigas de Alfonso X “El Sabio”, criado en terras galegas e poeta na lingua culta daquela, a nosa, lástima fóra (vaian aprendendo os do autonoxo) e de troveiros diversos e dispersos. Así as cousas, o recital de Miro Casabella, do venres 18 de novembro, en Pontevedra, fora decidida e adicadamente exemplar. Diante dun público moi entregado, que enchía o patio de butacas do Principal, un serán no que Pontevedra (cidade ben culta e fermosísima no seu casco vello) fervía de actos culturais. Tomen nota os que falan da “langueur” provinciana, sen coidar que é nestes lugares onde a cultura está, xustamente, a salvo.

En contraste con urbes moito máis grandes e rechamantes. Da mesma maneira que con cantautores, folcloristas, medievalistas, do xeito de Miro Casabella, temos aínda solución. Falo de estétíca. Mais fágoo tamén de ética. Que, como dixera José María Valverde, ao rexeitar a súa cadeira na Universidade de Barcelona, solidario de Aranguren, expulsado da súa en Madrid: “Nulla estética sine ética”. Por iso.

Te puede interesar