LITERATURA

Mocazos e labazadas

Tanta belixerancia, segundo o autor deste libro, que as súas opinións son de recibo total

No curral literario español onde nunca pasa nada (o persoal segue a entreterse mirando en you-tube a noite en que Arrabal saíra peneque na televisión ou aquela vez en que Umbral, igualmente perxudicado, teimaba en falar do seu libro) agradécese a presencia dun ensaio como este. Serio, rigoroso, documentado, mais tamén discutible, discutible e –definitivamente- liortas. A tese de Ignacio Sánchez-Cuenca baséase na belixerancia que medios e persoas dan a vacas sagradas ou mandaríns, como Fernando Savater, Vargas Llosas, Félix de Azúa ou Muñoz Molina (hai máis, incluindo a triada capitolina, insular, por illada, que conforman Agustín García Calvo, este xa morto, Sánchez Ferlosio ou Gustavo Bueno, “energúmeno” o profesor asturiano segundo o epíteto de Sánchez-Cuenca). Tanta belixerancia, segundo o autor deste libro, que as súas opinións son de recibo total; así as de Muñoz Molina en Todo lo que era sólido (e ollo, que Sánchez-Cuenca acredita nas virtudes dos xa citados, como narradores ou ensaístas, aínda que non como “opinadores”), catecismo para vituperar a políticos corruptos e, de paso, a esa sociedade española, tan amante de festas e esmorgadas, que ao seu abeiro esquece as obrigas morais para o país ao que pertence.

E por aí algunhas das apreciacións máis polémicas do libro. As referidas aos nacionalismos, vasco e catalán, o peor cancro para prácticamente todos os opinadores, ademais dos devanditos, Arcadi Espada, Cercas, Juaristi ou Pérez Reverte, o máis matón de todos eles á hora de se expresar, con esa linguaxe chea de palabróns, ao xeito dos fidalgos cotrosos da España imperial que Reverte retella nalgunha das súas novelas. Sánchez-Cuenca vén dicir, con argumentos que calquera pode discutir sen botar man da espada, que os nacionalismos, mesmo a posibilidade de ser refrendados nas furnas, son pefectamente lexítimos, co que colisiona frontalmente contra das posicións de todos aqueles postos por el en berlina. Un libro moi fresco, xa digo, e –de paso- moi ninguneado. Básicamente polos medios onde escriben todos os citados. Algún deles teñen aludido a Sánchez.Cuena moi elípticamente.  O que non fai o autor deste libro. Quen cita de fronte. Paradiño.

Te puede interesar