rabo de nube

Nos días grises

lostale2_resultado
Neste libro, colleita de entrevistas, presentacións, prólogos, miniensaios, lostalé da mostras do seu sentir humanista cun libro de feitura fermosa e o que fai é apañar a flor por onde mais doe

Nestes días de peche infame, hai fechaduras gloriosas, as do amor, maiormente, anda o persoal a nos amolar con recomendacións da triada capitolina para  caseños forzosos: literarias, musicais, cinematográficas. De maneira que eu, que adoito falar destes temas, coa súa licencia vou encomendarlles a lectura dun libro que ten que ver, básicamente, con poesía. Xénero raro que se nutre dos tres xa citados. Pois bota man dos ollos e máis do oído e, desde logo, do pensamento que vén sendo combinación dos cinco sentidos. Aqueles que, segundo a canción, perdemos cando namoramos. Co que volvemos ao punto de partida que hoxe me ocupa. O das fechaduras gloriosas. Cal a que nos propón Javier Lostalé, el mesmo poeta, e home de radio (moi bo o programa de literatura, “La estación azul”, de RNE, no que Lostalé toma parte e que é dirixido por Ignacio Elguero). 

Lostalé nos fai o favor de reproducir poemas enteiros de Leopoldo Panero

Pois ben, neste libro, colleita de entrevistas (moi boa a que sostivo con Antonio Gamoneda), presentacións, prólogos, miniensaios, Lostalé dá mostras do seu sentir humanista. Ía dicir poético mais coa que está caendo aí fóra (plaga e melancolía) estou pouco para pleonasmos. Mais, talento escritor á parte, o certo é que Lostalé, en libro de feitura ben fermosa, o que fai é apañar a flor por onde máis doe, e desta maneira alternar coa persoa e máis a poesía de Pureza Canelo, Francisco Brines, Juan Luis Panero, Gil de Biedma, García Montero, Pablo García Baena ou o xa citado Gamoneda, un dos poetas españois máis chamativos desde a escuridade na que viñera, contra o tempo e o seu desprezo, bulindo. Resultando o conxunto un libro moi sabido e sabedor. Onde non soamente sabemos de poéticas e conceptos senón, que por momentos, devén unha escolma xeitosa de moi boa poesía.  

E volvo ao maior dos irmáns Panero, poeta da autodesfeita, como o pai (no referido á destrucción persoal, que a poética de Leopoldo Panero, ía, pretendía ir, por outros derroteiros), porque Javier Lostalé nos fai o favor de reproducir poemas enteiros deste. Para que vaiamos entrando nunha materia, polo demais ben cernudiana. Palabras maiores, Cal as de Gerardo Diego, quen nomina a fundación que publica o libro. Que fala de “Gerardo, articulista y guionista radiofónico”. E moi ben

Te puede interesar