CON TEXTO

O ano Carvalho

Esta edición de textos recolle unha pequena antoloxía significativa do traballo do maior e mellor polígrafo da súa xeración, con achegas fundamentais para o estudo das nosas letras, tanto polo seu rigor canto pola súa vixencia.

Non é que nunca deixase de ser o tempo, o das Letras Galegas, tanto como dicir o futuro da lingua que terma delas (en grave risco de finar, din as enquisas máis serias), favorable a Ricardo Carvalho Calero. E iso malia o boicot que lle viña facendo a RAG. Mais como nunca choveu que non estiñase o ano vindeiro, vai ser o que adorne o 17 de Maio co nome do polígrafo ferrolán. Ao redor de quen hai meses que xa comezaron saír libros. Tal como se o choio estivese represado agardando saída.

E dentro desa primeira rolada a prol de Carvalho eu quixera salientar o volume que teño diante. Porque se trata de obra de primeira man, da pluma do mestre, mais tamén porque quen se encarregou da edición, María Pilar García Negro, é unha das intelectuais máis sobranceiras no tempo galego actual. O que implica rigor no traballo, prólogo e escolma dos artigos de Carvalho Calero, para o caso, outorgando categoría ao que nunca foi anécdota. Porque o ferrolán, novelista, poeta, dramaturgo, profesor, crítico literario, ensaísta, gramático, cando se achegou aos xornais e revistas, eis o cerne deste libro (que abarca mostras desde os anos trinta deica prácticamente a morte de Carvalho, acontecida en 1990) foi coa humildade de quen ten altura intelectual abondo como para facer propio o dito de Ortega y Gasset cando dicía que a sinxelez é a cortesía do filósofo.

Asi Carvalho Calero, erudito, cheo de sabedoría, mais quen de explicar en linguaxe sumamente didáctica o por que rexeitar a Unamuno (no seu desprezo aos nacionalismos), loar o Día da Patria, salientar a obra de Álvaro Cunqueiro, teorizar sobre a vida e obra de Rosalía de Castro, pontificar –erguer pontes, xa que logo- sobre unha lingua pouco estudada como a galega (Carvalho tivo de poñer en marcha unha gramática da lingua que nos é propia, en momentos de orfandade de tantísimas cousas), analizar polo miúdo etimoloxías e actitudes ou, en fin, activar o coñecemento sobre autores e obra, coetáneos seus ou xente máis nova. Digamos, de paso, que a monumental “Literatura galega”, de Carvalho Calero, foi fonte ou manancial do que beberon arreo moitos dos que lle negaban o Día das Letras Galegas. O vindeiro. Para o que xa se van quentando motores. Con libros como este.

Te puede interesar