CON TEXTO

O máis infame

A obra traza a biografía deste contraditorio monarca, mitificado por algúns dos seus contemporáneos, que o converteron no rei virtuoso e inocente, e detestado ao mesmo tempo por case todos.

O máis parvo sen dúbida que non, que aí tivera gloriosa competencia, comezando polo seu propio pai, Carlos IV, aquel que lle dicía a seu proxenitor, o mitico Carlos III, que os reis eran os únicos mortais que, pois dispostos no trono por Deus (Franco, “Caudillo de España por la Gracia de Dios”, aínda estaba por vir), podían contar coa fidelidade das súas donas. Non semella ser o caso do propio Carlos IV, “coroado” por María Luisa de Parma con Godoy, causa directa da chamada “Conxura do Escorial”, a primeira falcatruada do máis infame da historia da monarquía española, non outro que este Fernando VII, biografado por Emilio La Parra. 

Nun libro modélico no que a documentación é manexada cun estilo tan cheo de sentido que un non deixa de pensar na biografía, igualmente exemplar, de Juana la Loca, segundo versión de Manuel Fernández Álvarez. E é que hai libros de Historia que se len como novelas. Eis o caso. Diante do que compre preguntarse para que eses novelistas ruíns que se sirven da Historia para enguedellar historietas, que teñen máis de tebeos que de novelas. Voltemos a Pérez Galdós, centenario da súa morte estes días, para ver como hai quen sirve á Historia sen se servir -apenas-  dela. Así e todo o que fai La Parra é botar man dela para ilustrarnos compridamente sobre o derradeiro rei absoluto que padecera España. E menos mal que seu irmán, Carlos María Isidro, non dera acadado o trono, porque o panorama carlista pintaba bastos. 

Fernando VII chegou ao cumio moito antes do que debía, e iso porque polo medio andaba Napoleón, outra vaca no millo, a xogar con Carlos IV e Fernando, un en Roma, outro en Valençay, mentres poñía a seu irmán, o chamado Pepe Botella, no Palacio Real, de Madrid. Outra historia. Porque este ao menos era ilustrado. A grande paixón fernandina era guillotinar  libros intonsos. E pouco máis. Un rei raposo, caralavada, traidor, mexamorno, arrodeado dun clero carcunda e iletrado, quen casou catro veces (E La Parra recolle o epistolario cursílisimo que Fernando escribia ás suas amadas; da súa relación con Pepa “La Malagueña” sábese pouco). Un prodixio, un fenómeno de actos crueis, quen  gustaba de arrodearse dunha camarilla de  mediocres. Todo iso neste libro xeitosísimo.

Te puede interesar