O primeiro Neruda

Jan Neruda non é só un dos grandes clásicos da litertura checa moderna, senón tamén, e sobre todo, un dos creadores daquela máxica, fantástica e arrebatada paisaxe poética que conforma a imaxe de Praga

Disque o poeta chileno, Ricardo Neftalí Reyes Basoalto tomara o seu seudónimo, obrigado por ter un pai moi estricto que non quería que seu fillo se metese a escritor, a partir dun autor checo, pouco coñecido daquela fóra do seu territorio natal. Daquela, cando este Jan Neruda vivía, pertencente ao Imperio Austro-Húngaro. Certo ou non, hoxe o nome Neruda é universalmente coñecido por mor do escritor, e Premio Nobel chileno, adoptante de tal seudónimo.

Mais Jan Neruda, testudo segue ocupando un lugar ao sol, e abonda con mirar a chea de veces que fora traducido nestes eidos, non como poeta (moi espallado en Chequia) senón como narrador. Entre o costumismo e un certo realismo naturalista, tal como podemos comprobar na  edición, de Antonio Rivas González, aínda “viva” de Cátedra. Por máis que sexa moi recomendable, igualmente, unha anterior de Pre-Textos, en versión asinada por Clara Janés e Jana Stancel (e prólogo brillante de Claudio Magris). Jan Neruda, e o título do seu libro non minte, fora nativo e morador do barrio de Malá Strana, ao pé do Castelo de Praga, cerne e razón deste libro, de certo grosor, no que se recollen historias, se cadra tomadas das propias vivencia de Jan Neruda. Quen non dubida en se introducir no libro cando vén a conto, e nunca mellor dito. Porque o primeiro Neruda tivo unha vida cun aquel novelesco, referido aos sentimentos, que se deixan ver nas historias do libro relativas ao asunto cordial.

Mais tamén hai contos con picariños polo medio e, tamén, de “populares”, entendido este termo ao xeito portugués. En consecuencia, os contos da Malá Strana, conformando ás veces algo semellante a unha novela, poisque hai un fío, aínda que ás veces non estea moi visible, que os vencella, son un retábulo prodixioso dun tempo e un país. No que o checo, subordinado ao alemán (no que escribiron os dous escritores maís importantes de Chequia, Kafka e Rilke, logo viría Milan Kundera), non era aínda a lingua do prestixio, que hoxe posúe. Jan Neruda (1834-1891), dera a luz en 1877 este libro que nos fala dun autor un pouco no ronsel dun Antón Chejov, admitido hoxe como o meirande autor de relatos ou contos, pero a moi pouca distancia en calidade. Palabra dun moi amante do xénero.

Te puede interesar