CON TEXTO

Pena como un volcán

Segue Xosé Ramón Pena co seu labor ciclópeo de fixar a literatura galega, de codificala, poñéndoa no sitio que lle corresponde, con rigor e moitos anos de traballo calado.

Un labor partillado con moitas outras ocupacións, que aquí o “full time” non existe agás para quen exercen de “rompipalle”, atrancando ou anulando o esforzo alleo. Por iso eu admiro a xente que, como este betanceiro afincado en Vigo, poñen o mundo por monteira, e non precisamente aquela que deostaba Victoriano Taibo, quen ¡1917! berraba contra “o andacio pezoñento de tanto escritor de monteira, cirolas e estadullo”. Aprendo isto, naturalmente, no volume (terceiro da serie) de Xosé Ramón Pena. Polo que fun camiñando páxina a páxina, o mellor que poido dicir dun volume que supera as historia-da-literatura-galega-iii-x_resultcincocentas e que, volvo dicir o que dixen diante de anteriores entregas deste monumento, se le como unha novela (desde a pura amenidade, combinada coa esixencia, que aporta); o que non quita que poidamos e debamos gardalo como material de consulta. E poisque este tratado, que arranca coas Irmandades da Fala, fundadas o 18 de maio de 1916, hai, pois, xustamente un século, é unha especie de caixón de xastre (no senso máis positivo do termo), escolmo nel o artigo de Luís Amado Carballo, publicado en 1923 no xornal vigués “Galicia” sobre o mítica botillería madrileña “Pombo”.

O mesmo Amado Carballo que habería publicar poemas que, mesmo no seu hilozoísmo, habería fuxir das monteiras e cirolas que tanto amolaban ao Taibo. E é que viñan outros tempos, e por aí tamén Manuel Antonio, cenital neste volumen que, pois chega a 1936, trata tamén de Álvaro Cunqueiro, Bouza- Brey ou Federico García Lorca e os seus míticos Seis poemas galegos, e a súa xénese, non totalmente resolvida aínda. Por suposto aquí están todos os xéneros poéticos por unha literatura na que tamén bulían Otero Pedrayo ou Vicente Risco. Unha literatura que fervía pletórica, por máis que as iniciativas editoras fosen moito máis ventureiras que hoxe, e o número de lectores máis cativo. Un volume que fai o terceiro dun traballo ben corpudo, non sei se definitivo, mais un chanzo esencial no proceso que tenta codificar e fixar a literatura galega. Para mín, imprescindible.

Te puede interesar