LA REVISTA

Persona non grata

Volve en edición correxida, aumentada, “fixada” e anotada (cal adoita Cátedra, desta volta por Ángel Esteban e Yannelys Aparicio) o clásico de Jorge Edwards

Volve en edición correxida, aumentada, “fixada” e anotada (cal adoita Cátedra, desta volta por Ángel Esteban e Yannelys Aparicio) o clásico de Jorge Edwards. Encargado de negocios de Chile na Habana, durante tres meses (o tempo que tardara en vir o embaixador) nos tempos de Salvador Allende. Ano 1971, e unha chea de vivencias que servirían para xerar este libro que veu a luz primeira en 1973, causando o boureo previsible. En Cuba, por suposto, aínda que alí Persona non grata tivese que entrar de contrabando e fóra, igualmente, sendo motivo de escándalo en certos ambientes –digamos- progresistas que vían con malos ollos todo o que supuxese crítica ao castrismo, por entender esta como empurrada pola CIA e adláteres.

E a cousa é que Edwards chegou a Cuba coa mellor das intencións, anseiando ver cos seus ollos unha realidade que se pintaba bucólica, e foi bater non soamente coa desfeita da famosa zafra dos dez millóns (que non pasou dos seis e inutilizou parte do campo cubano obrigado a cultivar, si ou si, cana de sucre) mais coa persecución dos intelectuais críticos co rexime, así Heberto Padilla, no medio do escándalo provocado polo seu libro Fuera de juego.

Así as cousas Jorge Edwards alternando cos dunha banda e os da outra acadou a inimizade do rexime cubano, que atopa fidelísimo retrato por parte de quen estivo en posición privilexiada para xulgalo. Os “highlights” desta novela, que é o que resulta en puridade, son os encontros con Padilla (e a súa dona, Belkis Cuza), a aparición do buque-escola chileno Esmeralda no porto de La Habana, coas aristas ideolóxicas da oficialidade fronte do allendismo e, por suposto, os encontros con Fidel Castro. O último o da crítica que lle dirixe a Jorge Edwards cando este remata a súa estadía habaneira, e con ela as olladas privilexiadas que no comunismo cubano proxecta. Un libro no que está tamén, e non podía por ser menos, a sombra xigante de Pablo Neruda. Amigo persoal de Edwards e mal visto polo fidelismo por razóns que aquí medio se explican, por máis que Fidel tentase empregalo na súa crítica a Edwards cal paraugas protector ou “primo de Zumosol”. Un libro, pois, francamente recomendable ao prezo xeitoso que Cátedra adoita poñer aos seus.

Te puede interesar