Entrevista

Plácido Romero, das aulas ao cinema

Captura de pantalla 2020-03-22 a las 10.27.50
photo_camera El profesor y cineasta Plácido Romero. (Foto: Xesús Fariñas)
Plácido Romero é un home pausado, tranquilo, do que un gusta de compartir conversa porque a súa vida acumula sabedoría. E con esa sabedoría e un bo ollo tras a cámara, sabe enfiar imaxes para convertelas en pezas de cine, curtas ou longas, ficción e realidade, conviven nunha fina liña. 

MESTRE DE XEOGRAFÍA E HISTORIA RECONVERTIDO A CINEASTA. COMO FOI O PROCESO? 

Dende pequeno fun un gran espectador de cine. En Verín onde pasei a miña infancia e adolescencia, había daquelas catro cines, contando o parroquial, e neles vin grandes películas. Mantiñen a afición durante os anos universitarios ata ese momento no que as grandes películas da historia pasaron de verse nos cines a facelo na televisión. A finais dos anos 80, como mestre en Verín, e pola influenza dun compañeiro xa falecido, José Luis Darriba, introducínme no mundo do audiovisual co obxectivo da súa utilización como ferramenta pedagóxica. Nos 90, en Celanova, seguín formándome en cursos, talleres, congresos, e grupos de traballo. Paralelamente, con outros profesores, organizamos actividades extraescolares con alumnos e alumnas nas que alaboramos videos didácticos e de ficción. Varias desa pezas foron premiadas e editadas en concursos galegos. Hoxe, varios daqueles alumnos siguen estreitamente vinculados co cinema como os grandes profesionais Aser Álvarez e Xudit Casas que xa realizou alí a súa sorprendente primeira curtametraxe “Humanos?” 

 QUE LEMBRANZAS TEN DESAS PRIMEIRAS GRAVACIÓNS? 

Teño recordos moi divertidos deses momentos. Os rapaces participando, buscando recursos para facer os decorados, as saídas para a rodaxe, a colaboración de todo o alumnado do centro na figuración, a súa paciencia na repetición de tomas, a cantidade de horas que invertíamos na montaxe cun precario equipo… 

FOI PIONEIRO NA INTRODUCIÓN DESA CULTURA AUDIOVISUAL NAS AULAS, DENDE AQUELAS COMO TEN MUDADO? 

A verdade é que non é que esté moi ao tanto de como ten avanzado nos últimos anos. Daquela, o que facíamos era utilizar o audiovisual, fundamentalmente o vídeo, para a transmisión de contidos. Pero poucas veces se ía mais alá, en materias como a Xeografía e a Historia e as Ciencias Sociais en xeral, onde a abstracción, a comparación, a análise son obxetivos fundamentais para a formación integral das persoas. A imaxe, entra directamente na mente humana sen nigún tipo de filtro, de forma moi poderosa. Pode servir de complemento, pero non ser o método didáctico exclusivo. Nunca substiutirá á lectura dun libro que de por sí exixe un exercicio reflexivo, un camiño guiado cara o imaxinario, un esforzo racional. Na actualidade, coa utilización da informática e coa experiencia acumulada, a metodoloxía é moito mais elaborada e supoño que moito mais eficaz. Pero daquela o fundamento era o erróneo principio de que “unha imaxe vale mais que mil palabras”. Por iso houbo un momento en que abandonei a súa aplicación en determinados niveis, sobre todo no bacharelato. 

“CESTEANDO”, “O TEMPO NA LUPARIA”, “FRONTEIRAS DE ENERXÍA ANIMAL”, “TRABALLO ANIMAL”… SON TÍTULOS COA SÚA SINATURA CUNHA FONDA DEFENSA DO RURAL. 

É un tema que me activou o interese, sobre todo conmovido polo rápido abandono que sufriu. Vivín en Lobeira durante moitos anos, onte aínda teño casa, e percibín a súa vulnerabilidade, a desestructuración, as desigualdades fronte ó medio urbán, a perda veloz da súa cultura… Máis que a defensa deste rural, en trance da desaparición, víctima do que é o mundo moderno, tamén me motivou a cantidade de temas co que nos agasalla. 

En “Cesteando”, o personaxe central, Toño o cesteiro, de por sí xa é unha figura literaria que me permitiu facer unha película coa que me sinto moi satisfeito. Coa este traballo atopei un tema emocionante, porque a vida de Toño da para moito. Dende a súa particular loita pola liberdade, á búsqueda de sistemas de vida alternativos pasando pola defensa dos valores tradicionais, a súa sabiduría, a solidariedade… 

A “O Tempo no Luparia” tamén lle teño moito cariño. Para mín foi unha especie de experimento de aplicación das teorías dos cineastas Bresson, Straub e sobre todo Tarkowski sobre as bases do cinema e da que quedei tamén moi contento. Valorando o espacio e o tempo que se diluen, en Lobeira atopo a facilidade de aplicar estas dúas liñas. 

Sen embargo, a que máis éxito tivo en canto a aceptaciónna distribución e a participación en concursos, foi “Fronteira de enerxía animal”, unha curta seleccionada en 25 competicións. Moi diferente ás outras, ten un planeamento mais televisivo, como de unha reportaxe se tratase. Trata, ao igual que “Tracción animal “ e “TRAdICIÓN”, sobre a necesidade de manter unha agricultura sostible dentro da polémica que existe sobre o trato animal. 

TODAS ESAS MENCIÓNS E SELECCIÓN QUE VAI SUMANDO CON CADA TRABALLO, QUE SUPÓN PARA VOSTEDE? 

É unha inxeción de autoestima, que nesta edade que eu teño, ven moi ben. Pero tampouco é o que me move. O que me realmente me activa é o traballo en si mesmo. A miña satisfacion está en concebir a idea, darlle forma e ir elaborándoa na medida en que a vas facendo. Na participación e colaboración dos implicados. 

“PETISCOS DE PATO” É O SEU ÚLTIMO TRABALLO. CÓNTENOS. 

Eu tiña a necesidade de facer unha película sobre Verín, a miña casa e empecei a documentarme sobre o que podía facer. E nesa búsqueda de información atopeime con Enrique Gómez Pato, un personaxe extraordinario moi importante na miña nenez. Escribiu dúas obras de teatro que representou e protagonizou pola provincia con gran éxito e que, desgraciadamente, se perderon; era un gran humorista, formou o grupo “O pato e os patiños”, xunto cos seus fillos; foi colaborador de La Región, escribindo en galego a principios dos anos 60, ao lado dun Otero Pedrayo que o facía en castelán; foi o impulsor das festas dos maios… e con todo esto, era unha persona que estaba totalmente esquecida. E sentín que debía revalorizalo, tráelo ao presente e que fose recordado. 

Así empecei a facer un documental, con moi pouco material e moitas horas de investigación, que deu como resultado unha peza de 15 minutos recollendo o seu lado máis cómico. Presenteina á segunda edición do o Festival Rir e gañou 

na categoría de Mellor Curtametraxe Documental. Pero vin que aínda quedaba moito por recoller, moitas testemuñas que querían falar, así que fixen a secuela, “Conversas e petiscos de Pato”, de 55 minutos. Nel, os participantes nos achegan a visión que tiñan do personaxe e, coas súas descripción, xa que apenas temos imaxes del, logran facernos un perfil e crear unhas imaxes verbais extraordinarias. 

Para mín é unha ledicia e unha satisfación que se recuperase quen era Pato, que as proxeccións tiveran tanto éxito e que incluso un ebanista local, Gerardo Fernández, se comprometou a facer un busto para a Biblioteca de Verín. Falta a publicación dun libro que complemente este recoñecemento e que xa está en marcha. 

EN CANTO A PROXECTOS, QUE NOS PODE DESVELAR? 

A verdade é que a Alerta Sanitaria que estamos a vivir trastocou tamén os meus plans de rodaxe e tiven que deixar parado o inicio dun novo proxecto. Por outra banda, sigo na miña idea de facer unha película sobra a miña casa e a miña xente de Verín. Un traballo no que penso esmerarme, e aínda teño sen definir ben a liña a seguir.

Te puede interesar