RABO DE NUBE

Poetas na rede

"La lira de las masas” é un espléndido traballo que gañou o premio málaga de ensaio no que martín rodríguez gaona aborda a situación da poesía hoxe en día e a dos poetas que usan a rede para a súa expresión.

Cunha linguaxe axeitada á rede, nada de poemas longos, e sentimentalismo barateiro abondo como para que quen controle pouco de poesía, quer por incapacidade, quer por andar encetando aínda a boroa de arte tan complexa, rula  por aí un centón de poetas novos. Que unha vez levados ao libro, nalgún caso por editoras avispadas (como Espasa ou Planeta), acabaron enchendo as listas de éxitos de ventas.

Non tan pequenas, como cabería deducir, poisque nalgún caso, Marwan, Irene X ou Elvira Satre, chegan a  trinta mil exemplares vendidos. De tan radical fenómeno, que ten moi alporizados aos poetas de toda a vida, os aposentados (dixeramos), ocupase Martín Rodríguez-Gaona, nun moi espléndido traballo que gañou o Premio Málaga de Ensaio. Este autor, el mesmo poeta, abalroa nun esquife ben artellado tema tan delicado. Porque se xa non resulta doado definir a poesía (xénero para o que poeta Gamoneda pedía espazo diferente ao da literatura convencional) máis difícil será distinguir quen entre os seus practicantes merece atención pública. Desde logo os xa citados, e toda unha chea de poetas que engadir (a máis coñecida, xunto a Elvira Sastre, novelista premiada igualmente para alporizamento crítico, Luna Miguel, moi habelenciosa á hora de se manexar nos medios), andan a rachar ventas e criterios.  Así e todo poisque compre analizalo polo miúdo aí está Rodriguez-Gaona a meter no “corpus” poético un escapelo afiado, cheo de datos pasados pola peneira do rigor. E poisque estamos non xa nun troco de cultura senón de civilización compre ollar paseniño este curioso fenómeno, auspiciado polas redes. Xeito polo que se move, polo que bule, a rapazada de hoxe, a manexar máis que libros fedellos electrónicos onde atopa abeiro toda esta tropa. Na que brilla tamén un tal César Brandon, neste caso invento máis televisivo que outra cousa.

E é que a poesía semella deixar o habitáculo no que estaba para atopar espazos moito máis grandes. Aínda que procurando despois o libro convencional como mostra de respecto. Ese invento tan vello que semella non querer morrer. Niso estamos e seguimos os que medramos no seu manexo e tivemos que aprender a nos mover nas redes. Para non morrer na meirande das soidades.

Te puede interesar