RABO DE NUBE

Que a música non pare

Quintas Canella mantén a voz potente de Vello Troveiro

Tivera Xosé Quintas Canella o seu “prime” alá polos anos transitivos, da Transición, digo, cando o “Movemento Popular da Canción Galega”, tan efémero como adoitan selo as boas intencións. O único que aquel MPCG, tanta sigla xunta mete medo, impuxera para integrar a algúns dos seus membros a desaparición de Voces Ceibes. E por certo que un deles, Miro Casabella, para min o cantautor galego “number one”, por aí segue en activo. E o outro día batin con el en Cambre, acompañado de Quintas Canella, quen me fixo chegar o seu último disco, ese que nestes días teño diante miña. E que non deixo de escoitar agora que as altas temperaturas comezan ciar, anunciando o son serodio dun outono que xa me está lembrando a voz vedraña do autor de “A maleta”, a canción de Quintas que falaba do galego que ao nacer xa traguia, incorporada, a bagaxe do emigrante.

Tantos anos despois o Quintas mantén a voz potente de vello troveiro, e ao escoitalo non deixo de imaxinar a Fernando Esquío (o máis erótico, tamén o máis soez dos nosos poetas medievais) cantando, xa serodio, para aquelas abadesas tan rechamantes, tan –en fin- glamurosas cos seus dildos “emanguados en coraes”. E Quintas música a Esquío, a Bolseiro, a Airas, a Meogo, con eses aires do Medioevo, primitivos  mais moi eficaces. Acompañado, ademais, o noso cantante, por toda unha formación acorde con aqueles tempos (gaitas, frautas, cromornos, zanfonas). De xeito que o disco de Quintas, moi propiamente chamado “Alfa e Omega”, principio e fin, xa que logo, acada para nós a utopía de volver aos tempos medievais, cando a lírica galega subía tan alto, tan alto, ás veces de puro camiñar por terreos moi baixos (por humanos). Mais non para aí a música, nin a letra (as letras) deste cantautor.

Cantautor porque el mesmo música, cando e mester, os seus poemas. “Cantar de ausencia”, “Lume dos meus ollos”, como mostras dun concepto nidio que se armoniza na voz, veterana mais non nada ferruxenta, de Quintas Canella. E aínda queda lugar para a épica. A que nos endereza Ramón Cabanillas en “Alén”, ecoado, e moi ben, por Xosé Quintas Canella para o caso. Un disco, pois, moi completo (hai tamén pezas instrumentais) que nos di que a música, a boa, non cesa. Nin ten por que..

Te puede interesar