Os renglóns revirados de don Torcuato

"Los renglones torcidos de Dios" é unha novela honesta sobre a locura, que segue mantendo intacta a sua vixencia

Torcuato Luca de Tena fora moi popular no seu momento, “Edad prohibida”, auténtico “long-long seller” nun tempo no que soamente Martín Vigil ou Michel Quoist competían co logo director do ABC en monopolizar lecturas para adolescentes. Tan popular que mesmo figuraba nunha enumeración “literaria”: Unamuno, Galdós, Palacio “Valtrés”, “Torcuatro” Luca de Tena, “Jacinco” Benavente, etc.

O conto é que, para a miña sorpresa, logo do éxito da versión cinematográfica de “Los renglones torcidos de Dios”, na carteleira hoxe, a novela homónima non soamente segue catalogada, senón que sae, prácticamente, a edición anual. De maneira que botei man dela para ver como se deixa ver unha novela publicada en 1979. Como se sabe a historia ten lugar nun manicomio, textual, semellante ao que Luca de Tena habitara un tempo como interno, dato que chamara moito a atención. Como o feito de que a novela estea protagonizada, lóxicamente, por dementes. E como se sabe nada que abraie máis ao persoal que a presencia dun louco ou dun peneque. Nun escenario ou na vida real. Mais como Don Torcuato, que non é un estilista, por certo, non podía encher un libro tan voluminoso (máis de catrocentos páxinas na edición de peto), só con historias de alienados, tiradas da vida real, seica, bota man dun personaxe “de fóra”. Non outro que a chamada Alice Gould, unha dona moi elegante, intelixente, lúcida, en contraste co persoal, internos, xardiñeiros, celadores, máis ben trapalleiro que enche de canfurnadas a novela.

A tal Gould, protagonista dun enredo moi endeguedellado, de máis e sospeito que pola pouca maña como artesán literario do autor, entra no manicomio (sic) levada polo seu home, logo de que tentase envenenalo. Mais na primeira volta de tornelo Gould confesa ser unha detective, ingresada voluntaria para dar co culpable dun crime. De xeito que o autor pretende revirar aínda máis un choio ben revirado, pola confusión mental dos personaxes, mais tamén polas teorías en materia siquiátrica, superadas xa, que Don Torcuato pon en boca de médicos, polo demais dispares os uns dos outros.  O conxunto, un barullo moi revirado. O que non quita que sexa un libro sumamente impreso e volto imprimir.

Te puede interesar