LITERATURA

Retratos agredoces

Hai idades que non permiten nin agresións nin violencias excesivas.

Hai idades que non permiten nin agresións nin violencias excesivas. Mais o conto é que o nonaxenario Caballero Bonald casa con poucos na súa última obra. Caballero Bonald, dos moi poucos sobrevivintes daquela xeración poética e dipsomaniaca que foi a de 1950. Canonizada en libro por Juan García Hortelano, amigo de todos eles, e bebedor cando moitos deles.

Hortelano, que tamén era poeta aínda que opacada a súa figura pola de novelista, está no Examen de ingenios, por dereito propio, como escritor, como amigo de Caballero Bonald, un prosista finísimo, quen de artellar un libro que é randa finísima, mesmo cando o randeiro dispara, directo ou por elevación. Un volume que nos fala dos escritores, amigos, coñecidos (ningún, prácticamente, saudado, por seguir o dictáme de Josep Pla cando falaba dos elementos que se cruzan diante nosa no acontecer cotián).

E por certo que Pla é un dos damnificados pola pluma, aceiro e seda, que leva Caballero no peto da súa americana. O retrato de Josep Pla é inmisericorde. Aínda que non tanto como o de José Hierro, o máis feroche de toda a panoplia. Por máis que Cela ou Bryce Echenique tampouco queden moi ben parados. Porque Azorín (comezo do libro), ou Baroja, ou o meu paisanísimo Gonzalo Torrente Ballester semellan retratados por un retratista consumado, que sen poñer pingando a ninguén (case) apunta e fogo.

Así no caso Azorín, momificado en vida, ou o pintor Antonio López, quen de reclamar un cadro cunha casa en obras para repíntalo unha vez que o edificio estaba xa rematado. Ora, cando Caballero Bonald admira de corazón ao retratado, así Lezama Lima, Gamoneda, Claudio Rodríguez ou o ourensán José Ángel Valente, mesmo o controvertido Umbral, a estética e máis a ética, vencelladas, saltan por todas as beiras do retrato e aínda polo marco, mais sen hipérboles, cunha admiración razonable e razonada que deixa satisfeito ao lector, convencido de que o primeiro enxeñoso deste Examen de ingenios é o autor do libro.

Este Caballero Bonald negado no seu momento pola RAE, nun exercicio –este si- sen enxeño ningún. E ás probas debo remitirme. As deste libro e as da obra poética, narrativa e ensaística de Caballero Bonald, que aconsello ao curioso lector.

Te puede interesar