Os rostros de Nós, vistos coa mirada de hoxe

Nove artistas contemporáneos retratan a nove membros da que foi a xeración máis importante no desenvolvemento cultural da Galicia dos últimos séculos

nos

Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Castelao, Xocas, Ben Cho Shey, Losada Diéguez, Ramón Cabanillas, Florentino Cuevillas, Arturo Noguerol... conformaron dende diferentes campos as bases da identidade e a cultura galega contemporánea. E todos eles comezaron dende Ourense, a través da revista “Nós”, a publicación que deu nome a que, sen dúbidas é a xeración máis importante e diversa da literatura, das artes, do pensamento, do desenvolvemento científico na nosa historia.

La Región rende homenaxe a esa xeración, cunha colección de retratos de nove dos membros da Xeración Nós, vistos por artistas contemporáneos: Acisclo Manzano, Alba Fernández, Antón Pulido, Baldomero Moreiras, César Taboada, Javier A. Varela, Manuel Caride, Manolo Figueiras y Xosé Vilamoure. os autores deses retratos explícannos cales foron as súas fontes de inspiración, o que representan para eles esas figuras senlleiras que coa súa man recobran unha nova imaxe, cen anos despois de que puxeran en marcha nunha Galicia fondamente atrasada, un movemento cultural que chegou a ter unha gran transcendencia no seu tempo mesmo máis aló das nosas fronteiras e que tivo en Ourense un dos seus principais focos.

SENTARON AS BASES DO DESENVOLVEMENTO CIENTÍFICO E CULTURAL DA GALICIA DO SÉCULO XX. A PARTIRES DO 23 DE MAIO, LA REGION ENTREGARÁ CO EXEMPLAR DO DÍA E DURANTE DEZ SEMANAS, NOVE RETRATOS DE MEMBROS SENLLEIROS DA XERACIÓN NÓS, CAPTADOS COA MIRADA DO SÉCULO XXI DA MAN DE NOVE ARTISTAS CONTEMPORÁNEOS. UNHA VISIÓN QUE SE ENRIQUECE POLA SÚA GRAN DIVERSIDADE.

BALDOMERO MOREIRAS

oteropedrayo

A primeira lámina chegará ao público co exemplar do periódico do domingo 23 de maio. Será o retrato de Ramón Otero Pedrayo (1888-1976), realizado por Baldomero Moreiras (Celanova, 1955). Trátase dun “collage” realizado con cartulinas que capta una das imaxes máis características de Otero Pedrayo: o intelectual dirixíndose ó seu público nunha intervención na que subliña co movemento das máns os argumentos da súas palabras. “Trátase duna imaxe clásica de don Ramón” -explica Baldomero Moreiras-. “O xesto, a pose, o seu rostro, as mans... Pero optei por unha estética de hoxe, contemporánea nosa, porque entendo que o importante traballo que desenvolveu ao longo da súa vida segue vixente no presente e por iso quería darlle ese toque de agora”.

MANUEL CARIDE

vicenterisco

Baldomero Moreiras non chegou a coñecer en vida a Otero Pedrayo, nin tampouco Manuel Caride a Vicente Risco (1884-1963). Pero si sentiu a influencia do seu traballo, tanto literario como filosófico, especialmente concretando as bases do nacionalismo galego, da definición de Galicia no seu conxunto. O seu retrato é un acrílico sobre papel, no que, tal como conta o propio Manuel Caride, “vemos a Galicia de Risco a través dos cores: o verde da Galicia interior, o azul da Galicia Marítima. E aí está, tras el, a Ribeira Sacra, parte fundamental do seu propio territorio ourensán”. A Lámina de Risco chega o domingo, 30 de maio.

 
XOSÉ VILAMOURE

castelao

E o 6 de xuño chega aos lectores a lámina coa que Xosé Vilamoure (Punxín, 1967) retrata a Castelao (1886-1950). Médico, político, caricaturista, pintor, escritor... a actividade polifacética foi característica común na meirande parte dos membros da Xeración Nós, pero en poucos tan intensa como en Castelao. Vilamoure, curtido na técnica do retrato tras pintar máis de setecentos de artistas de todo o mundo, confesa que a experiencia co retrato de Castelao foi como unha “road movie”. “Cada vez que me enfrentaba ao seu retrato veía naquela faciana a caras tan dispares como a de Dustin Hoffman, o actor Morris, John Turturro, Franco Batiatto... pero sempre volvía a Castelao”. A técnica sobre papel é mixta. O fondo desenvólvese con acuarela negra, igual que o corpo e a faciana con óleo.

ALBA FERNÁNDEZ

cuevillas

Pintora e ilustradora, Alba Fernández (Ourense, 1979), afrontou o encargo de retratar a Florentino Cuevillas (1886-1958). O seu traballo segue unha técnica mixta na que atopamos collage e tinta china aplicada mediante pincel, sobre papel. “Tratei de reflectir o importante traballo que Cuevillas legounos, especialmente no campo da arqueoloxía científica. Importante porque serviu para descubrir  a nosa identidade a partires dos nosos ancestros na cultura megalítica, a castrexa, a romanización...”. No retrato, Cuevillas aparece elegantemente vestido “porque el era así, mesmo cando ía facer un traballo de campo polo monte, e vémolo cos prismáticos colgando do colo” e tamén debuxos que exemplifican os seus gráficos cos que facía descrición dos seus achados.

ACISCLO MANZANO

noguerol

A lámina de Cuevillas chegará o 13 de xuño e, o domingo seguinte, 20 de xuño, a de Arturo Noguerol (1892-1936), da que se encargou Acisclo Manzano (Ourense, 1940) A casualidade quixo que ambos viviran no mesmo barrio de Ourense, pero o destino e a guerra civil, na que Noguerol morreu “paseado” impediu que se coñeceran. “Síntome herdeiro daquela xeración e moi identificado con eles. Ate levo o mesmo sombreiro”, comenta con humor Acisclo Manzano, quen desenvolveu o seu retrato con xiz sobre lousa. “Quería deixar plasmado ese carácter de discípulo, de alumno que pinta no encerado o que aprende dos mestres”.

 
MANOLO FIGUEIRAS

benchosey

No derradeiro domingo de xuño, co exemplar do periódico entrégase a lámina adicada a Ben Cho Shey, pseudónimo de Xosé Ramón Fernández Oxea (1896-1988), membro da Xeración Nós que retratou Manolo Figueiras (Ourense, 1961). O seu retrato é un óleo sobre táboa, no que vemos ao protagonista traballando nunha biblioteca. “Foi un home moi polifacético: poeta, ensaísta, investigador da arte e a arqueoloxía, e tamén sufriu represalias polas súas ideas galeguistas e pola súa implicación coa cultura galega. Alongado do seu traballo de campo, na biblioteca, vémolos traballar sen folgos nin tristura”.

CÉSAR TABOADA

cabanillas

O primeiro domingo de xullo, día 4 sairá a lámina adicada a Ramón Cabanillas (1876-1959), da que é autor César Taboada (Santiago, 1954). No seu retrato, o Poeta da Raza aparece cun aire moi de paisano, grazas á boina. “É un toque de proximidade á xente” explica César Taboada, quen empregou a técnica da augada infografiada, cun toque post pop. “Mírase nos cores que aparecen salpicando o retrato, como o confetti dunha festa. É algo deliberado, pensando naquel Ourense das batallas de flores, que era tamén un Ourense dunha intensísima actividade cultural”, reivindica o autor.

ANTÓN PULIDO

antonlosada

E no día de San Bieito, 11 de xullo sairá a lámina dedicada a Antón Losada Diéguez (1884-1929) que realizou Antón Pulido (Amoeiro, 1944) Trátase dun retrato en tinta china que capta ao protagonista nos últimos anos da súa vida. “Morreu moi novo, con 44 anos”, lembra Pulido, que sinte un gran interese polo retrato. “Nos retratos o importante non é o parecido, senón o seu uso como campo exploratorio da psicoloxía e personalidade do retratado. Losada deixou un importante legado cultural e a súa figura transcende ao noso tempo grazas ao premio instituído no seu nome, polos concellos de Boborás e O Carballiño. Toda a Xeración Nós foi dunha gran transcendencia. Sen eles, Galicia sería un país moito peor”.

JAVIER A. VARELA

xocas

Pecha o ciclo dos retratos, a lámina dedicada a Xaquín Lorenzo, Xocas (1907-1989), o máis novo dos nove membros da Xeración Nós recollidos nesta colección. Javier A Varela (Allariz, 1970) asumiu captar no seu retrato tanto á figura do etnógrafo, escritor e historiador ourensán como algúns dos aspectos máis representativos do seu traballo. “Por iso escollín unha táboa como soporte, porque a madeira formaba parte de moitos dos seus traballos, as veces facendo mesmo maquetas, e porque é un elemento natural.  Seguindo unha técnica mixta, Javier A. Varela mostra a un Xocas xa maior, rodeado de elementos alegóricos o seu traballo de etnógrafo e historiador. 

EL CARTEL

mazas

Pecha a colección un cartel obra del artista ourensán Cándido Fernández Mazas, dedicado á revista Nós, órgano de expresión deste movemento renovador da cultura galega do primeiro terzo do século XX, que tivo o seu nacemento en Ourense. Fernández Mazas (1902-1942), malia corta vida, foi un dos artistas máis influíntes do seu tempo. Unha mente totalmente integrada na primeira liña das vangardas, que manifestou a súa creatividade expresiva en numerosos soportes, dende o cartelismo ate a obra pictórica máis formal.

O movemento cultural que representou a Xeración Nós en toda Galicia, tivo un poso especialmente salientable en Ourense, da man de figuras senlleiras como Otero Pedrayo, Risco, Xocas e outros moitos que escolleron Ourense para desenvolver boa parte da súa actividade. O seu manto estendeuse ate ben avanzada a segunda metade do século XX e mesmo despois do regreso da democracia a España. Con diferentes criterios ideolóxicos, pero sempre coa mesma paixón por facer de Galicia unha terra máis cultivada en todos os ámbitos.
 

Te puede interesar