RABO DE NUBE

Schönberg, ¡que grande!

Si que a os ollos actuais, cando a ópera é cada vez máis cinematografía, este é un espectáculo moi plausible. Tanto que na función derradeira, á que eu asistín, un aplausómetro rexistraría ata dez minutos de ovacións

Que sombrío, tamén, e non o digo soamente pola súa dificultade (hai quen quere descatalógalo xustamente por iso, ¿e logo Faulkner?), senón polo ton cheo de tristura aceda (como aquela da que se reclamaba Celso Emilio) que desprega as azas na súa obra. Maiormente na ópera Moses und Aron, que veño de ver, entre o fervor e o éxtase, no Teatro Real, de Madrid. Nunha montaxe que agoira xa ser mítica, de Romeo Castellucci, co baixo-barítono, Albert Dohmen, facendo de Moisés e o tenor John Graham-Hall, interpretando a Aarón. Mais a cousa non fica nisto, está claro, porque entre o un e máis o outro hai de todo.

Desde un deserto entrevisto dun telón transparente ata un touro de tonelada e media, o xa igualmente mítico “Easy Rider”, pasando por mergulladores, bailaríns, extras a se botar enriba chapapote e rapaces e rapazas en pirinxolas. Todo isto e máis, ata completar un elenco de máis de duascentas persoas, proxecta este Schönberg, que voltara do luteranismo á lei mosaica na hora da feitura desta ópera. Que a montaxe de Castellucci teña cocomitancias cos campos de concentración  non pode sorprender vindo dun autor que, nado en Austria, en 1874, acabaría morrendo en California, en 1951, fuxindo da persecución totalitaria a quen coma el viñan de ascendencia xudea.

Naturalmente ficaremos sen saber cousa diría Schönberg desta montaxe; igualmente como remataría unha ópera, polo demais, inconclusa. Si que a os ollos actuais, cando a ópera é cada vez máis cinematografía, este é un espectáculo moi plausible. Tanto que na función derradeira, á que eu asistín, un aplausómetro rexistraría ata dez minutos de ovacións. Sospeito, e non quixera incorrer en “boutades”, que o público, ademais da exhibición, escenográfica e musical que viña de ver, andaba a se aplaudir. Por ter escoitado a Schönberg durante hora e media, sen contratempos nin meirande sacrificio, e –tamén- por asistir a ceremonia tan maravillosa na súa totalidade, como este Moses und Aron, da man prodixiosa de Romeo Castellucci. Un deses escenógrafos que xorden de século en século. Como Schönberg, glorificado nesta misa solemne, aínda que de orientación hebrea, que tivemos a sorte de seguir no Teatro Real, de Madrid.

Te puede interesar