con texto

Soños sicodélicos

Ramón Caride.
photo_camera Ramón Caride.

"Soños eléctricos” é a novela fantástica de Ramón Caride Ogando que foi publicada en 1992 e iniciou a ficción científica galega. Ese mesmo ano foi gañadora do Premio Blanco Amor de narrativa e agora chega en castelán

Con esta novela, traducida agora ao castelán por David Martín Fidalgo e Uxía Caride Blanco, nunha traducción axeitada, Ramón Caride (Cea, Ourense, 1957), gañara -hai vintesete anos- o Premio Blanco Amor. Pasou ben de tempo mais compre dicir que a historia, ciencia-ficción pura e dura, segue a se deixar ler con proveito e pracer. Proveito para quen, eis o meu caso, coñecemos pouco o xénero (quitando ao xigante Bradbury, outra historia, Clark ou Philip K. Dick), e pracer –así e todo- porque Caride non soamente escribe ben senón que sabe dosificar o que conta, para que entre suaviño aínda tratándose dunha historia complexa, cal a que aquí se nos narra. Unha fábula dun mundo futuro, ao xeito do que aínda non nos pintara Cormac Mc Carthy, en The Road, mudado nun deserto.

Un mundo que ten que ver cunha “Era Nova”, na que nacera o protagonista, un home polivalente que exerce de cantante visionario dun grupo sicodélico. Inevitable pensar no David Bowie, de “A Space Oddity” (aquela marabilla escarallada polos Hermanos Calatrava, non sei se lembran), e non soamente porque Caride faga referencia a el nunha das citas que abren o libro. Mais o protagonista, un personaxe cun aquel de mesiánico, acompañado dunha especie de María de Magdala, prostituta glamurosa que responde ao nome de Lumia (e lumi –como se sabe- vale para rameira), non se limita a cantar senón que contrapón o seu errar ao dun asasino, Xandor-F, controlado por unha inquisición ao xeito do “Big Brother” orwelliano, e á su vez introducido na mente do seu antagonista, nun xogo de bonecas rusa ou caixas chinesas. Un xogo labiríntico cal a historia narrada por Ramòn Caride. Salpementada con sabedoras pilulas eróticas, que introducen sabores líricos (aquí hai amor, tamén) nun acontecer decididamente épico. Outórgandolle un “plus” a esta novela de ciencia-ficción, non a primeira en galego (que ese mérito correspóndelle, dinos Jorge Emilio Boveda, no epílogo deste libro, a Luis Otero Pimentel por Campaña da Caprecórneca. Novela hestóreca, fantásteca e poéteca (1898)). Mais non lle quitaremos a Caride todo o merecemento de darlle pulo a unha xénero, minoritario, en galego. Cun libro que soa moi igualmente ben en castelán.

Te puede interesar