LA REVISTA

De Teherán á Coruña

Pasando por Shole Wolpé, poeta iraniana exiliada , con quen recitei o outro día A Coruña.

Pasando por Shole Wolpé, poeta iraniana exiliada (non é raro, coñecina sen velo, degustando un rioxa, e na compaña da súa parella, o siquiatra xudeu, Kent), con quen recitei o outro día A Coruña. Convidados os dous por Yolanda Castaño, nese ciclo chamado “Poetas Di(n)versos”, que emparella regularmente autores foráneos con galegos, dentro do ámbito marabilloso e sempre babélico da poesía.

A cousa é que fiquei transportado coa voz (o xesto,  a palabra) de Shole Wolpé como o fixen coa película de Jafar Panahi, Teherán Taxi. Un monumento de película, un docudrama, dirixido e interpretado por un señor con películas, prácticamente todas, que na súa nación de orixe levan o selo ou carimbo de “non distribuibéis”, o que equivale a que deban cumprir o mesmo exilio que Shole Wolpé, residente logo da súa marcha de Irán en Trinidad e agora nos Estados Unidos.


Pois ben, a cousa é que Panahi, farto de tanta prohibición optou por rodar esta película, que está tendo un certo éxito nas salas especializadas, dentro dun taxi, conducido por el e con cámaras agachadas no salpicadeiro do vehículo. No que van subindo ao longo do filme xente múltiple e colorida, procedente desas rúas de Teherán onde hai moita máis vida que a que os infernais “aiatolas” (dan gañas de pedirles con Siniestro Total que non nos toquen certo instrumento viril) desexarían para os seus habitantes. Básicamente nada para elas, un cero á esquerda onde ser home “sería” selo todo; sería se non fose porque negarlle os dereitos máis elementais ás mulleres implica, indirectamente, facelo tamén con eles (aínda que non se decaten ou dean de conta).

Shole Wolpé, si, e con ela todas esas mulleres exiliadas de Irán e reprimidas duramente no seu país de orixe. Un país onde Neda, aquela muller asasinada pola policía nunha mifestación que pedía libertade, é sinal e símbolo. Tamén no poema de Shole Wolpé, “I´m Neda”. Pronuncíase igual á miña vila de orixe, Neda, fondo da ría de Ferrol. E por aí comecei a entender a Shole. E as súas causas, razóns e poemas. Á película, fantástica, de Jafar Panahi, aprendín a amala un par de semanas antes. Quixera volver a vela de tanto como me prestou. A Shole Wolpé, tamén. Quédanme os seus poemas para o inverno.

Te puede interesar