Un crítico crible

A vida e traxectoria do periodista e crítico cinematográfico Carlos Boyero vese analizada en "El crítico", un documental que sitúa a Boyero no ollo da polémica e conta coa súa personalidade tan controvertida

Tentei inútilmente ver esta película nas salas que adoito. Nos cinematógrafos que frecuento, que é onde vexo “de verdade” os filmes. E fiquei coas ganas ou, como dicía miña avoa (e madriña, na miña familia, pleonasmo, ao menos para a miña xeración), “límpate que estás de ovo”. Por iso tiven de ver “El crítico”, na casiña, da man de Netflix: un consolo. E non pequeno, pois desfrutei tanto co docudrama, como gozo lendo a Boyero, e non soamente cando escribe de cine. 

Mais gozo diante das columnas deste home, quen de se espir diante dunha cámara, adiccións, curas, frustracións, odios, amores, cunha vontade de estilo en paralelo coa súa tenrura de tímido, túzaro por momentos (tal como se deixa ver; nunca cadrei con Boyero, senón como lector admirativo del), que cando estoupa fai das súas perrenchas marca ou selo dunha casa, que ben podería ter como rótulo, en plan unamuniano, “contra esto y aquello”. 

E é que os vellos non sei se debemos namorar, eu diría que tamén, pero desde logo temos de combatir contra tanta falcatruada como nos queren vender, e non tan só os políticos, pimpampum ou estafermo contra dos que chimpar pelourazos, senón -maiormente- artistas e escritores. Non, non é certo que estes sexan, sexamos, un mundiño intocable, precisamente por aquilo de levar a escarapela cultural. Polo mesmo teño as miñas dúbidas, voume poñer “boyeresco”, sobre a necesidade de que haxa un Ministerio de Culrura, sempre disposto a galardoar ao paniaguados, Para o caso dun señor moi bailarín e “simpaticote”, chamado Iceta. 

Dos predecesores pouco que dicir, quitando aquel Semprún, que cando menos escribía que nindiola, cun cero “patatero” para un tan Maxim (ou Máximo) Huerta, en quen Sánchez entronizara a prensa do corazón, ¡manda chover na Habana! Poño estes exemplos, ao falar de Boyero, como podería poñer outros máis (Almodóvar, vítima recorrente súa). Chamativo o manifesto contra del publicado en “El País”, cunha chea de estómagos agradecidos a pedir o seu cese. Isto igualmente visible nesta película exemplar que nos fale da pluma máis exquisímtamente cítrica na prensa española. E non soamente cando fala de cinema. Tremendo o remate da película. Que me deixou a tremar. Xustamente.

Te puede interesar