teatro

Unfinished melody

el sueño de la vida
photo_camera Escena da comedia “El sueño de la vida”.

Un elenco de 16 actores e actrices e dous músicos ás ordes de Lluís Pasqual para dar corpo e escena ao texto que Alberto Conejero fraguou tirando do acto conservado de “Comedia sin título” de Federico García Lorca.

Cando asasinaron a Lorca non soamente remataban a vida dun home novo (trinta e oito anos) senón que deiaban inconclusa unha obra, un proxecto dela, que –se cadra- había de facer del un cumio altísimo da literatura española. Dun home que, por certo, aportou á nosa eses “Seis poemas gallegos” que con axuda ou sen ela (Pimentel escribira Sombra do aire na herba en espsñol, para ser logo traducido ao galego) fan de Federico merecente do Día das Letras Galegas. Que, por aquilo de evitar a Carvalho Calero, está honrando a xente tan respectable no ámbito privado como de cativo interese no literario e non me fagan dar nomes que me alporizo cos agravios comparativos cara a Don Ricardo.

Mais a efeméride adicada a FGL non sería disparate. E pensaba nisto vendo no Español “El sueño de la vida”, esa ampliación, paráfrase ou glosa que Alberto Conejero fixo da Comedia sin título lorquiana. Lorca optara na súa fase, desgrazadamente, derradeira por facer unha dramaturxia que nada tiña que ver co teatro burgués que el mesmo, dalgunha maneira, auspiciara. E, ollo, que son dos que opinan que La casa de Bernarda Alba é unha función inmensa onde están, vida e morte, lírica e épica, prácticamente todo.

E ese antiteatro (contra da ollada dramatúrxica burguesa) baseábase na estratexia surreal tan cara a Lorca, tamén en libros de poesía cal Poeta en Nueva York. De maneira que os personaxes de función de Lorca&Conejero, que por momentos lembra “El ángel exterminador”, de Buñuel (tan amigo de FGL e Dalí), loiten contra dese encerro no que se atopan.

Por suposto que Lorca non podía saber, si, agoirala, da guerra civil que habería dar cabo del. Mais iso xa cae da parte de Conejero, el mesmo experto shakesperiano, quen se move entre Lorca e Shakespeare (O soño dunha noite de estío) para alumear unha traxedia óptima. Que acada un “pathos” coral a partir da dirección, espléndida, de Lluis Pascual. E un reparto opíparo no que sobrancea ese actor da vella escola, e que se sabe todo, xa que logo, que se chama Luis Perezagua. Recoñezo que tiña medo das obras que outros  completan. Por non citar o algoritmo que vén de “liquidar” a Sinfonía inacabada, de Shubert. Mala cousa. A de Conejero, pois revisita, outra ben diferente. E boa.

Te puede interesar