LITERATURA

Unha chea de cousas

Dibujowww

Hawa é unha novela trepidante na que todos estos conflitos estalan cando o protagonista se ve obrigado a colaborar cos servicios de intelixencia de España e Francia para entrar en contacto cun empresario hispano arxentino

Lendo esta novela de Diego Armario López, escritor, xornalista, director que fora de Radio Nacional ocórrenseme varias reflexións. A primeira, que a narrativa popular, Armario non pretende senón deleitar instruíndo dentro dunha liña –poñamos- máis que clara, non está pelexada coa vontade de estilo. A segunda, que un tema exótico (o autor leva a acción da súa historia a Mali) pode, e debe, apañar a atención lectora. A terceira, e aquí me deteño, que a chea de cousas que nesta novela acontecen se manexadas con pericia, eis o caso, acadan que o retábulo de personaxes que se atopa no seu fondo (e tona) progresen axeitadamente. Isto e outras cousas que non menciono por razón de espazo fan que quen se poña diante de Hawa, desfrute coa historia chantada por Diego Armario (Tetuán, 1945): a dun español, tan contradictorio que se defina, chamándose de esquerdas, mais sexa racista e homófobo. Ou sexa, que é un home de moitas pezas a quen a xente que atope no seu camiño (obviamente Astudillo, que así se chama o tipo, ten teima a todo canto lle resulte militar ou relixioso) irá facendo mudar de opinión. Maiormente a opípara Hawa.

Súbdita malíense enrolada, como Astudillo, nun principio “malgre lui”, no CNI. Nunha misión abondo perigosa que pretende neutralizar un grupo terrorista disposto a atentar contra do nuncio en Mali e –ao tempo- contra de quen se cruce no seu camiño. Por aí Astudillo, combinado cun arxentino, certamente adepto ao diñeiro (e a canto este acada, sexo incluido), en estreita alianza cos islamistas. Todo como nun “comic” de aventuras, que non deixa de me lembrar aquelas novelas de Vázquez Figuerora, mais cun enfoque informativo máis evidente. E un pulso narrativo debedor do “thriller” e un chisco da novela negra. Que o amor que Astudillo sinta por Hawa mude en motor central desta historia, con cregos, militares, embaixadores, nuncios polo medio nun cóctel explosivo, non fai senón amplificar a polivalencia narrativa de Diego Armario. Un autor serodio máis cheo de ganas de contar esta chea de cousas que a súa novela oferece. Como escrita, pola frescura, por un autor novel. Cal o “vello” Astudillo en brazos de Hawa. Que Eros fai aquí, tamén, sabedoras falcatruadas. Si.

Te puede interesar