con texto

Unha familia moi orixinal

Hirokazu Kore-eda
photo_camera Hirokazu Kore-eda
A novela adapta a película “Un asunto de familia” , gañadora da Palma de Ouro no Festival de Cannes

Hirokazu Kore-eda é un director de cine xaponés tan integral que non contento con escribir esta novela fixo dela película moi competente coa que gañara a Palma de Ouro no Festival de Cannes. A película, que vin hai atrás, segue polo miúdo os pasos da novela, que veño de ler, en moi boa (e didáctica) traducción de Rumi Sato. E de paso que aconsello o visionado do filme fago o propio co libro que o mantén.

A historia dunha familia moi peculiar, nin desgrazada nin feliz, para medio botar man do Tolstoi do comezo de “Anna Karenina” e estructurada desde un desartellamento básico. Porque nela ninguén é o que semella, logo iremos vendo as claves da historia, como un “thriller” ou novela de deducción ben contados, senón de cómo os máis desfavorecidos, os que ensinan a roubar “porque non teñen cousa mellor que ensinar”, son quen de agruparse nunha especie de “ong”,  como vista cos prismáticos ao revés, mais “ong”. 

Que Hirokazu Kore-eda ten moito de Dickens é obvio, e que a súa novela informa sobre aspectos do Xapón actual, capitalismo superado, tamén polas moreas de xente que o habitan, igual. Iso sen desbotar o material costumista que novela e película (a mesma cousa, xa digo, con xeitos comunicativos tampouco tan alonxados) aportan. Ao redor da erotomanía nipona, por exemplo. Cal o chamado “JK business”, onde adultas vestidas con uniformes de colexialas fan prestacións, que ás veces non pasan das urxencias comunicativas dunha sociedade incomunicada. Tamén por aí, polo “JK business”, (jk: joshi kosei, alumna de bacharel), parte desta familia tan estraña como aquela de Miguel Mihura ou a da canción de Sacha Distel. E por certo que este enclave familiar posúe igualmente música de fondo, así aquel mítico “Ashita ga aru sa”, moi recomendable de escoitar (de audición doada en “you tube”). O intérprete, Kyu Sakamoto. De maneira que este Kore-eda é un craque. 

Lóxicamente non debo contar aquí o argumento dunha novela onde todo canxa como nun fedello de reloxería e deixa a conclusión ben ao chou, cal ese boneco de neve á beira do recolledor do lixo. Unha novela, pois, tan impecable cal Nocturna, editora ben esixente. E repito: poucas notas de traductor así de xeitosas como as de Rumi Sato.

Te puede interesar