La Revista

Vargas que non para

La Revista

CON TEXTO

Vargas que non para

Tempos  recios é unha historia de conspiracións internacionais e intereses atopados, nos anos da Guerra Fría, cuxos ecos ecoan ata a actualidade. Un suceso que involucrou a varios países e no que algúns verdugos acabaron converténdose en vítimas.

E fai ben, e fai moi ben o autor peruano (de nacionalidade española igualmente), porque entre algunha que outra chafallada, certa “niña mala” que me pareceu tan ruín como as “putiñas tristes”, triste adeus de García Márquez, en seguir publicando. Desta volta cunha desas novelas históricas das que é tan parcial. Dunha delas, “La fiesta del Chivo”, antecedente, e dalgunha maneira consecuente desta que teño na mesa de traballo (de choio de leitor apaixoado que non é certo que cos anos un perda a paixon leitora), lembro certo verán fascinante compartindo a súa leitura cunhas familiares, comentando o libro e pelexando pola súa posesión.

Un novelista que non emprega a Historia como fin senon como medio

Pois ben o Vargas Llosa que daquela fora á República Dominicana, seguíndolle os pasos a unha vítima do dictador Trujillo, hoxe soterrado en Mingorrubio, a uns pasiños do seu vello cofrade, Francisco Franco, fai agora o propio na Guatemala que botara a Jacobo Árbenz, logo do golpe de estado (orzado, lástima fora, polos EE.UU.) de Castillo Armas. E faino seguíndolle a pista a unha Miss Guatemala (un dicir, nunca o fora en puridade), amante do propio Castillo, quen logo sería tan asesinado como Rafael Leónidas Trujillo. Historias de dictadores bananeiros, dos que fora novelizador pioneiro o noso paisano Don Ramón del Valle-Inclán, con “Tirano Banderas”, como é sabido.

E poisque todo canxa Trujillo tamén andivera detrás da desfeita guatelmateca, e á súa sombra un dos seus homes fortes, o chamado Johhnny Abbes, que iría parar despois ao Haiti de Papá “Doc”, sendo el mesmo vítima dos “tonton macoutes”. En fin, todo un labirinto dictatorial, cheo de sangue e brillo de baionetas. Moi ben lustradas por Vargas Llosa, un novelista que, como Don Benito Pérez Galdós, non emprega a Historia como fin senón como medio. E é quen de tirar dela unha historia de historias que non desmerece nada do que tendo sido mellora nas mans, na pluma, do seu narrador. Novela, pois, dentro da novela, que iso -para o caso- vén sendo o cerne das repúblicas aquelas controladas pola United Fruit. E poisque medrado este monopolio á sombra dos bananos eran coñecidas como repúblicas bananeiras. Para uso (e abuso) o poder que usa USA (e cito, con gran pracer, a Celso Emilio Ferreiro).

Más en La Revista

La Revista

“Aves de presa”

La presencia de Margot Robbie es lo único relevante de una cinta que se obceca en un mensaje de empoderamiento femenino que no aporta nada al…