CON TEXTO

Volven Moravia e Pasolini

03/04/2011 Roma, Auditorium, Festa del Libro e della Letteratura, Libri Come, nella foto Walter Siti

Unha revisitación de Walter Siri que ven de publicar “El contagio”

Falouse hai anos, falouse de máis, de que a novela ía morrer, que estaba a piques de facelo, en beneficio doutras fórmulas literarias máis achegadas á realidade que iso de andar fedellando nesta con personaxes tirados dela para ilustrar situacións que ben poderían tratarse en ensaios, por exemplo. Semellantes opinións alá foron polo rio, senón polo vertedoiro das trapalladas, tantas a diario, en todos os terreos, que ben poden ser ou se facer fervenza, e non precisamente das de beleza tan efémera como continuada.

En fin. O conto é que a novela non soamente non dá morto senón que fai por reinventarse a base, entre outras cousas, de botar man do que foi e, por xenial, pode seguir sendo. Así o que acontece coa que teño nas mans estes días, de Walter Sirti (Módena, 1947), profesor e teórico da literatura italiana, que en Il contagio, do que leo a versión española de Carlo Vitale, revisita principios e fundamentos de Alberto Moravia e Pier Paolo Pasolini. Para nos ilustrar, dunha beira, os xeitos e aínda as maneiras da burguesía romana (para o caso “arrabaldizada”), por unha banda, pola outra compostora dun xeito urbanista novo que non exactamente anovador, tal como xa víramos na inmensa e pasoliniana “Mamma Roma”. Daquela Sirti o que fai, neste retábulo dun tempo e unha cidade, no que o sexo a esgalla e máis a cocaína son as vías de escape dunha realidade negativa e aínda negadora, é botar man da vella fórmula neorrealista para redebuxar unha cidade, Roma, que como a novela non quere desaparecer. E ollo que estivera a piques de facelo en momentos dispares, cando a Historia semellaba moi desfeita. Cal a novela para os agoireiros de hai anos, ben ao visto tan errados como aqueles que teñen falado da fin da Historia.

“A novela mostra as maneiras da burguesía romana dun xeito urbanito novo”

Unha e outra teñen corda para moito tempo. Como esta novela dun autor, Walter Sirti, quen de enguedellar secuencialmente o seu relatorio, con xente que se entrecruza, a xeito de cereixas, nesta Via Vermeer, xente ben de mal vivir, se cadra tan tirados da realidade mesma que no remate o autor vese na obriga de sinalar que “os sucesos contados neste libro e os personaxes son ficticios…” Un toque máis de sal e pementa para un realismo que proe nunha novela que ten moito de proído.

Te puede interesar