RALLYMIX

Unha proba que se diversifica

Ourense. 31-05-2017. Presentación ralliemix de A Gudiña. Jorge Pereiro,  José María Lago, Manuel Baltar, Iván Corral, Antonio Pérez. Paz
photo_camera Jorge Pereiro, José María Lago, Manuel Baltar, Iván Corral e Antonio Pérez na presentación do rallymix.

A cita deportiva converte A Gudiña na capital do automobilismo de Galicia

A cuarta edición do Rallymix da Gudiña converterá, un ano máis, a este municipio ourensá na capital galega do automobilismo os días 3 e 4 de xuño. O pasado mércores tivo lugar a presentación deste evento deportivo coa presenza  do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde da Gudiña, José María Lago; o director deportivo de HC Competición, Antonio Pérez; e o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral.

Manuel Baltar sinalou que se trata dunha das probas “máis importantes desta especialidade automobilística, evento xa consolidado, que converte un ano máis á Gudiña na capital do automobilismo de Galicia”, e agradeceu o labor do Concello da Gudiña, da escudaría HC Competición e da Federación Galega de Automobilismo, destacando “a calidade e o importante número de participantes que se dan cita nesta proba deportiva de grande espectacularidade e cunha exitosa resposta por parte do público”.
Pola súa parte, Antonio Pérez, quen lembrou que se celebrará o segundo memorial de Guillermo Lago, impulsor desta proba, explicou que “o formato de saída e meta e o parque de traballo, todo concentrado, facilita o desenvolvemento da proba e resulta máis cómodo e vistoso para o público”. En canto ao percorrido, é “un treito de pouco máis de 11 quilómetros con zonas de motor, zonas técnicas de freado, e outras con trazados anchos”.

O director deportivo de HC Competición dixo que este ano, co obxectivo de acadar un retorno económico maior para o municipio, “decidimos celebrar a festa do motor, que contará cunha concentración de máis de 60 coches tuning, unha exhibición de brief, así como unha exposición de clásicos e clásicos-deportivos”.
Esta proba automobilística, que nesta edición conta xa con 38 inscritos, é “unha forma de atraer visitantes ao noso municipio e darlle un pulo ao turismo da contorna, concentrando durante eses días a moitas persoas co correspondente retorno económico que supón para A Gudiña”, dixo o alcalde do municipio.
Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Automobilismo destacou a gran receptividade que ten este tipo de eventos do motor ao ser “un deporte de masas que move a afeccionados de Galicia, Asturias, Castela e León e do Norte de Portugal”. 

Te puede interesar